Marica Campo dará o pregón de inicio do San Froilán 2017

Carmen Basadre deu a coñecer este acordo, adoptado por unanimidade na Comisión de Festas celebrada este mércores

O San Froilán contará no seu cartel coa cantautora galega Sés e coa cantante e música Rosa Cedrón. Será o Domingo das Mozas e o propio día de San Froilán, respectivamente

Entre outros asuntos, na Comisión de Festas tamén se deu conta de que haberá dous días especiais para os nenos e nenas. Serán o sábado 14 e o domingo 15 de outubro e o prezo será de 2 euros para os carruseis

A Comisión de Festas do San Froilán acordou por unanimidade este mércores nomear á escritora María Pilar Campo, máis coñecida por Marica Campo, como pregoeira do San Froilán 2017, segundo avanzou a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, ao finalizar a xuntanza.

Nada o 24 de febreiro de 1948 en Val do Mao, no Concello do Incio, Marica Campo realizou a carreira de maxisterio e estudou teoloxía ao tempo que ingresou non convento para ser misioneira. Exerceu de mestra en distingos lugares de Lugo.

Lectora voraz dende a infancia e escritora dende cativa, Campo apenas publicou unha obra teatral, poemas en revistas e as letras para o grupo musical Fuxan os ventos en moitos anos. Animada polas súas amizades, en 1992 publica o seu primeiro libro, Tras as portas do rostro, un recompilatorio de poemas. A continuación saca a luz Confusión e morte de María Balteira, Pedinche a luz prestada, Memoria para Xoana, Confusión de María Balteira, Abracadabras, Sextinario: Treinta e seis + tres, e unha adaptación de O Divino Sainete. Foi nomeada Chairega de Honra pola Asociación Cultural Xermolos e a Fundación Manuel María da Terrá Chá.

 

 

Primeiros nomes para o San Froilán 2017

O San Froilán 2017 contará no seu cartel coa cantautora galega Sés e coa cantante e música Rosa Cedrón. Así o avanzou Carmen Basadre, quen tamén adiantou que as actuacións serán o Domingo das Mozas, que este ano coincide o 8 de outubro, e o propio día de San Froilán, respectivamente.

Entre outros asuntos, na Comisión de Festas tamén se deu conta de que haberá dous días especiais para os nenos e nenas. Serán o sábado 14 e o domingo 15 de outubro e o prezo será de 2 euros, para os carruseis.

 

Un saúdo

GABINETE DE COMUNICACIÓN