Últimos días para participar no concurso de deseño do cartel do San Froilán e San Froilán Miúdo 2018

A próxima semana remata o concurso de deseño gráfico para escoller o cartel do San Froilán e do San Froilán Miúdo 2018, que terá lugar do 4 ao 12 de outubro. Os traballos deben contribuír a enxalzar a cidade de Lugo e as súas festas patronais, así como a cidade no seu conxunto. Nos deseños deberán figurar os seguintes aspectos obrigatorios: Lugo, San Froilán 2018, 4-12 de outubro, Festa de Interese Turístico Galego e Festa de Interese Turístico Nacional, así como a imaxe corporativa do Concello e os logotipos das redes sociais destas festas (Instagram, Twitter, Facebook e Youtube). Os carteis deberán evitar calquera tipo de propaganda subliminal que poida inducir ao consumo de alcol ou calquera outro tipo de drogas.

Todos as persoas interesadas poden presentar os seus traballos na Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, situada na praza Maior,1, 27001 Lugo, ata o vindeiro venres 4 de maio, en formato dixital JPG, cunhas dimensión de 50x70 e con 72 ppp de resolución (1.417 x 1.984 píxeles), en soporte CD ou lapis de memoria, e pódese facer persoalmente ou por correo postal. Poderase enviar tamén por correo electrónico ao enderezo cultura@concellodelugo.org, indicando no asunto Cartel San Froilán 2018. Así mesmo, se algunha persoa participante o desexa tamén pode entregar o cartel montado a sangue sobre cartón pluma de 5 ou 10mm e a un tamaño de 50 x 70.

As obras entregaranse de forma anónima, con lema, acompañando un sobre co mesmo lema no exterior, e dentro os datos persoais do participante. Se presentan o cartel dixitalmente, estes datos virán nun documento a parte.

As obras presentadas serán exhibidas nas redes sociais do San Froilán, onde se fará unha votación popular da que se seleccionarán as obras que se someterán a votación do xurado cualificado. O deseño premiado recibirá un importe de 2.000 euros.

San Froilán Miúdo

Pola súa banda, os deseños do San Froilán Miúdo deben incluír o texto, Lugo e San Froilán Miúdo 2018. Os nenos e nenas interesados en participar deben presentar os seus deseños tamén na área de cultura. Serán presentados de forma anónima, nun DIA A-4 como mínimo e montados en cartón pluma ou nun soporte ríxido. O autor ou autora da obra gañadora recibirá un premio, adaptado a súa idade, valorado en 300 euros. O prazo de inscrición remata o 4 de maio.

Máis información en www.lugo.gal