O San Froilán 2018 incorpora a Javiera Mena, Nathy Peluso, Heredeiros da Crus, Marky Ramone e Myles Sanko

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, avanzou este venres algunha das novidades da programación musical do San Froilán 2018.

Trátase do concerto da cantautora, produtora e música chilena de electropop Javiera Mena, que por primeira vez estará presente nestes festexos, declarados de Interese Turístico Galego e Nacional.  A actuación que ofrecerá, dun tipo de música distinto e fresco, será o sábado, 6 de outubro.

A segunda artista que confirmou hoxe a edil é Nathy Peluso, música interdisciplinar criada entre o swing, o jazz e a bossanova, que vén de lanzar un novo traballo, La sandunguera. Este concerto de hip hop bailable, que reivindica a igualdade, será o Domingo das Mozas, o 7 de outubro, e por primeira vez en Galicia actuará coa súa banda completa, The Big Menú. Á programación deste día tamén se incorpora o grupo musical Lulavai, un cuarteto de arpas celtas e voces de catro mulleres.

Heredeiros da Crus, "os máis jrandes", tamén estarán nas festas patronais, para trasmitir que o rock é, ante todo diversión; acompañados do grupo de Lugo Wicked World, o día 11.

No eido máis de soul e funk, actuará Myles Sanko, unha das grandes figuras deste estilo europeo. Cunha banda de luxo e caracterizado por desbordar forza e frenesí  no escenario recalará en Lugo o día 12 de outubro. Nesta mesma xornada tamén ofrecerá un concerto Marky Ramone, baterista do grupo Los Ramones, na Praza Horta do Seminario.

Los Gofiones volverán a esta cita, concretamente o día 4 durante o pregón, e despois darán un concerto na Praza de Santa María. Tamén o día 5, despois da ofrenda a San Froilán, actuará a agrupación musical Lucus Ensemble, acompañados de Pilocha e Lis Latas.

Estas actuacións súmanse ás xa anunciadas, como a da banda de pop rock Hombres G, o grupo de música La MODA, a cantautora Rozalén e a orquestra de música folk e tradicional SonDeSeu, que estará acompañada pola Orquestra Folk de Galicia e distintos convidados de recoñecido prestixio da escena folk ibérica do momento: Vanesa Muela, Xuacu Amieva, Luis Peixoto, Begoña Riobó, Javier Feijóo Xisco, Anxo Pintos, Xosé Liz, Xaquín Xesteira e Rodrigo Romaní.

"Trátase dunha aposta pola calidade, e pretendemos dar cabida a unha representación musical de todos os estilos e sitios", asegurou Basadre.

Audio

  • O San Froilán 2018 incorpora a Javiera Mena, Nathy Peluso, Heredeiros da Crus, Marky Ramone e Myles Sanko | Descargar mp3