O xornalista Manuel Lombao ofrecerá o pregón do San Froilán 2018

A Comisión de Festas do San Froilán acordou por unanimidade este mércores nomear ao xornalista Manuel Lombao como pregoeiro do San Froilán 2018. Así o anunciou a  Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, ao finalizar a xuntanza.

Manuel Lombao é licenciado en Ciencias da Información e Dereito pola Universidade Complutense de Madrid. Comenzou a súa carreira profesional nos anos sesenta como colaborador de Radio Lugo. En 1976 ingresou en RTVE, pertencendo a día de hoxe á plantilla. Galardoado co Ondas da radio en 1974 por un programa que dirixía e presentaba na Cope, co Micrófono de Ouro, en 1993, e CO premio Paraugas de Ouro da Televisión Búlgara, en 2003; entre outros.

O San Froilán 2018 contará no seu cartel co grupo de música La MODA, que combina instrumentos pouco habituais como acordeón, saxofón, banjo, mandolina ou clarinete, con influencias do folk, country, punk e rock and roll. Así o avanzou a edil, quen tamén adiantou que dende o Concello se está xestionando a posibilidade de que as festas patronais teñan no seu cartel ao grupo de rock Heredeiros da Crus.

Casetas e caldeiros do polbo

Entre outros asuntos, na Comisión de Festas deuse conta das novidades que recollerán as bases técnicas e administrativas do novo prego de licitación para autorizar a instalación das casetas e de caldeiros do polbo durante as festas patronais, que será por un período de 2 anos, ata 2019.

Nas modificacións, con respecto aos anteriores pregos, figura a xustificación da solvencia técnica, que se fará do seguinte xeito: mediante experiencia mínima de seis meses na realización dun servizo ou actividade similar a este contrato -servizo de hostelería- ou acreditando a titulación nalgún ciclo formativo de formación profesional ou similiar en hostelería, para o caso de non ter experiencia previa.

En canto á garantía (fianza); para participar no concurso público será obrigatorio presentar unha fianza do 2% do prezo de saída -a nova Lei de Contratos diminuíu a fianza, pois antes era dun 5%-; e que no caso de ser adxudicatario e renunciase se lle incautaría e de ser adxudicatario e aceptar se convertiría en definitiva máis a diferenza ata prezo ofertado.

Así mesmo, cambiarase o prezo da ración de polbo, tendo en conta que este produto subiu no mercado, e que quedará fixado a 12 euros a ración de 250 gramos, e a botella de viño de mesa, de tres cuartos de litro, a seis euros. Mantense o prezo da ración de pan e dos cachelos, 1,50 euros 200 gramos para ambos os casos. As casetas poderán ofrecerlle ao público outros alimentos e bebidas complementarias que non estean reguladasa no prego, debendo colocar, tanto no interior como no exterior da instalación, o cadro de prezos autorizado, con cantidade, peso e volume ofertado, visado polo Concello. Para o ano 2019 os prezos poden variar dependendo do prezo do mercado do produto nese momento.

No que se refire ás propias instalacións, as casetas poderán dispoñer de toldos para desplegar en caso de choiva, que cubran a zona entre a caseta e o caldeiro. Ademais, poderanse instalar barricas tradicionais ou similares no frontal, todas de aspecto similar, nunha franxa dun metro de ancho. As casetas deberán dispoñer de baños accesibles e no exterior deberán evitarse cores rechamantes. Expecionalmente, poderán superarse as dimensións máximas nun 7%, unicamente cando concurran circunstancias de seguridade e estabilidade da edificación.

Audio