O Concello habilita as liñas nocturnas do San Froilán gratuítas e con paradas contra o acoso machista

O Concello de Lugo facilitará, por primeira vez, os autobuses nocturnos gratuítos ao longo dos días máis sinalados do San Froilán 2018. Concretamente serán os días 4, 5, 6, 7, 11 e 12 de outubro, a partir das 22:30 horas, as liñas especiais 3A, 4, 6, 7A, 3AE, 4E, 5E, 6E.

No marco da campaña municipal contra o acoso sexual, nas mesmas liñas de bus, entre paradas, poderán acceder e baixar mulleres, ou aquelas persoas que se sintan acosadas, violentadas ou crean que exista algún perigo para a súa persoa; para deixalas preto das súas casas ou sitios que prefiran, sen que isto signifique desvío da ruta asignada.

Tal e como explicou Carmen Basadre, o Goberno de Lugo adopta esta medida co obxecto de favorecer o lecer nocturno e de facelo dun xeito seguro.

No relacionado contra a violencia machista, o Concello instalará un Punto Violeta na rúa Anxo López Pérez coa esquina Praza Horta do Seminario, con horario, os días 4 e 11 de outubro, de 22:00 a 02:00 horas, e os días 5, 6, 7 e 12 de outubro, de 12:00 a 02:00 horas. Haberá en todo momento do horario de apertura persoal profesional de atención e persoal voluntario polo recinto feiral e o centro de Lugo informando e sensibilizando. Este punto súmase aos espazos seguros na contorna do feiral, na Oficina Municipal de Turismo e do Concello.

O Concello volve apostar por unhas festas libres de agesións e para elo busca involucrar á cidadanía. Deste xeito tamén repartirá vinilos, folletos e chapas que manifestan o rexeitamento de todo tipo de agresións, así como os pasos que se recomendan en caso de sufrir algunha. 

Aparcadoiros disuasorios

Os catro aparcamentos disuasorios do San Froilán, contemplados no Plan de Tráfico e Mobilidade deseñado polo Concello con motivo das patronais, teñen capacidade para máis de 5.000 vehículos, segundo as estimacións da Policía Local, e estarán comunicadas co centro da cidade por bus urbano a través de dúas liñas especiais nos días e horas de maior afluencia de público.

Estas zonas están nas inmediacións das principais vías de acceso á cidade: dúas na rúa Campos Novos, unha nas Termas e outra en San Fiz. Están debidamente sinalizadas mediante carteis para que os visitantes e a cidadanía en xeral as encontre facilmente, evitando así, na medida do posible, o acceso do vehículo privado ao centro e ao recinto feiral. De feito, o Concello solicita a colaboración cidadá pedindo aos veciños e veciñas que reduzan o uso dos coches e utilicen os catro aparcadoiros disuasorios e o transporte público.

O reforzo dos buses urbanos é o seguinte:

- Prolongación dos horarios nas seguintes liñas:

Os días 4, 6 e 11 de outubro (véspera de festivo), as liñas 3A (Acea de Olga-Ramil), 4 (Tolda-Abella), 6 (Montirón-Residencia- A Cheda) e 7A (Gándaras- Cemiterio), prolongarán os seus percorridos habituais ata as 03:00 horas.

Os días 5, 7 e 12 (domingo e festivos), as liñas especiais 3AE (Acea de Olga-Ramil), 4E (Tolda-Abella), 5E (As Gándaras-A Campiña-Cemiterio) e 6E (Montirón-Residencia-A Cheda), prolongarán os seus percorridos habituais ata as 02:00 horas.

- Servizos especiais que comunicarán zonas dos estacionamentos disuasorios co recinto feiral os días 4, 6 e 11, dende as 22:00 ata as 03:00 horas, e os días 5, 7 e 12 dende as 12:00 as 02:00 horas.

Ruta I:

Saída da rúa Celso Emilio Ferreiro (esquina Gran Hotel) cada media hora, as horas e cuarto e menos cuarto, por Xacinto Calvo, San Roque, Montero Ríos, Fontiñas, Fonte da Bica (inmediacións Policía Local), estrada da Granxa, Campos Novos, Afonso X O Sabio, Agro da Torna, avda de Magoi, Pintor Corredoira e novamente Celso Emilio Ferreiro.

Ruta II

Saída de Celso Emilio Ferreiro (esquina Gran Hotel) cada media hora, ás horas e 25 e 55 minutos, por rúa Celso Emilio Ferreiro (esquina Gran Hotel), Xacinto Calvo, San Roque, ronda da Muralla, avda. da Coruña, Parque da Milagrosa, Alto de Garabolos, avda. Paulo Fabio Máximo e avda. Infanta Elena (As Termas), para continuar por Paulo Fabio Máximo, Alto de Garabolos, avda. da Coruña, Parque da Milagrosa, ronda da Muralla, Porta de Santiago, República Argentina, Pintor Corredoira e remate en Celso Emilio Ferreiro.

Por outra banda, con motivo das festas patronais, o servizo de auto-taxi reforzará o  número de taxis dispoñibles, concretamente nas paradas das prazas de Santo Domingo e da Constitución. Para dar un mellor servizo ás persoas usuarias do taxi, permitirase o acceso destes vehículos á zona acoutada do recinto feiral e á súa área de influencia, sempre que as condicións do tránsito peonil así o permitan.