A colección do Concello San Froilán dos Devanceiros celebra a súa 15ª publicación cun libro dedicado ás festas finiseculares

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, presentaron este martes, no audiotiro do Vello Cárcere, o novo número da colección literaria San Froilán dos Devanceiros. Trátase da publicación 15, editada polo Concello, que nesta ocasión se centra nas festas finiseculares, dende 1890 a 1900, unha obra do lugués Adolfo de Abel Vilela, que estivo presente no acto.

No transcurso deste acto, que xa se converteu nos últimos anos nunha cita ineludible dentro da programación das festas patronais, Lara Méndez destacou o caracter da publicación "para devolvernos ao pasado, e para que teñamos presente"; pois neste libro, Adolfo de Abel Vilela amosa os preparativos dos festexos e vellas historias, que permiten á cidadanía volver ás festas de finais do século XIX.

"É un libro que hai que conservar na historia do San Froilán e na historia de Lugo", subliñou a rexedora, quen agradeceu a Adolfo de Abel Vilela a súa nova contribución á recuperación da historia, capaz de achegarnos o sentido de memorias do San Froilán.

A colección San Froilán dos Devanceiros naceu no ano 2004, co obxecto de reforzar a memoria histórica de Lugo tratando temas diversos relacionados coas festas do San Froilán. Na colección fóronse publicando obras de Javier Serrano Alonso, Darío Xohán Cabana, Xosé de Cora, Luis Calvo, Yago Rodríguez Yánez, Fernando Arribas, Teresa Pena e Adolfo de Abel Vilela, sendo este o 3º libro da colección deste autor, tras os libros A orixe das feiras, das exposicións e dos concursos e A orixe das festas modernas e contemporáneas, números 11 e 12, respectivamente.