O Domingo das Mozas berra contra a violencia machista e enxalza a cultura de Lugo

Lugo goza hoxe da xornada con máis devoción á cultura do San Froilán, coa celebración do Domingo das Mozas; que marca a Ofrenda a Rosalía de Castro.

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presidiu a recepción á Asociación do Traxe Galego e Traxandaina, que participou por primeira vez, xunto ao colectivo anterior, no desfile de traxe tradicional que acolleu a Praza Mairo, tanto de traxes de garde como de cotío. Tras a mostra, Lara Méndez, acompañada do Presidente da Deputación, Darío Campos, a Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, outros membros da Corporación, ataviados todos con vestimenta tradicional, desprazáronse, xunto a veciños e veciñas, ao Parque de Rosalía de Castro, onde tivo lugar a ofrenda a Rosalía, a cargo da apaixoada da cultural Paloma Lugilde, unha decisión tomada na Comisión de Festas.

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, presentou á oferente, unha persoa coñecida no mundo da cultura e da actividade cultural da cidade, apaixoada do teatro, da música e, polo tanto, da cultura de Lugo; así como feminista.  Lugilde, con gran sentimento e emoción, basou a ofrenda en berrar contra a violencia machista, lembrando os problemas que sufriu Rosalía na súa triple condición de muller, escritora e galega. Tras a ofrenda tivo lugar unha performance, onde participou unha representación da cultura de Lugo, deixando diante do busto da escritora carballos plantados en botas e zapatos.  Para rematar, sonou o himno galego.