Festexando aínda que chova, cartel anunciador do San Froilán 2019

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua en funcións, Carmen Basadre, deu a coñecer este mércores o cartel anunciador do San Froilán 2019, tras a reunión dun xurado profesional no Salón de Plenos da Casa Consistorial. A obra, Festexando aínda que chova, presentada por José Carlos Campo López-Barcia foi a gañadora do cartel do San Froilán e o traballo O San Froilán baixo a lúa, do que é autora Galir Macía Lóez, o gañador do San Froilán Miúdo.

Tras a votación popular nas redes sociais, un xurado cualificado composto pola directora da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón, Esther Muñoz, a deseñadora gráfica de Horta Garfik, Sabela Díaz, e a artista plástica Anuska, escolleron os deseños gañadores. Nesta edición presentáronse un total de 39 traballos ao concurso do cartel do San Froilán, 20 máis que o pasado ano, e para o San Froilán Miúdo, 62 obras.

O gañador do deseño do cartel do San Froilán recibirá como premio un importe de 2.000 euros e a galardoada no San Froilán Miúdo un premio adaptado a súa idade, por valor de 300 euros.