Confírmanse 3 novos concertos para o San Froilán

A concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, anunciou hoxe novas confirmacións para o San Froilán. Rap, rock e jazz son os estilos musicais dos grupos, nacionais e internacionais,  anunciados hoxe. Os concertos e actuacións artísticas do San Froilán 2019 abarcarán un amplo espectro de estilos dirixidos ás diferentes franxas de idade e, tamén, adaptados a distintas tendencias e gustos musicais para satisfacer a todas as persoas que se acheguen á gran festa do outono galego.

 

Maite Ferreiro confirmou hoxe que a praza do Seminario contará o 11 de outubro con Don Patricio, rapeiro canario con letras para público xuvenil que é coñecido por publicar os seus temas en Youtube, onde ten acumuladas máis de 111 millóns de reproduccións. O seu tema “Contando Lunares”, ten xa máis de 78 millóns de reproduccións, e realizou varias colaboracións con artistas como Juancho Marqués ou Lola Bunny.

 

Os galegos NAO tocarán por primeira vez no San Froilán o 10 de outubro na praza de Santa María, dentro da súa xira de despedida. Publicaron o seu primeiro álbum, “As Palabras Espidas”, no ano 2007. No ano 2015, aumenta a súa presenza no panorama musical galego, contando cun crecente número de seguidores e producíndose un salto cualitativo no traballo da formación. Nese ano resultan galardonados co premio Martín Códax da música galega na categoría de Metal. Nestes máis de trece anos, destacaron por ser unha banda cun forte compromiso social, cun dos mellores directos do panorama galego dos últimos tempos e por ser un referente ideóloxico e musical para máis dunha xeración. Os seus concertos caracterízanse por ter unha afluencia masiva de público que corean as letras da banda de comezo a fin.

 

Ray Gelato & The Giants chegan á gran festa do outono galego o 7 de outubro cun show na praza de Santa María que traerá toda a enerxía do mellor jazz clásico de sempre. Protagonizaron unha carreira exitosa, visitando os escenarios máis importantes dos cinco continentes e fascinando á crítica e ao público de todo o mundo.. Ray Gelato foi quen, con The Chevalier Brothers, recuperou nos anos 80 o concepto das Big Band tradicionais e os vellos sons dos anos 40 e 50, cun éxito sen precedentes que o mantivo en xira por varios continentes durante case unha década. Posteriormente, con The Giants of Jive, comezou unha nova época que se consagrou nos anos 90 baixo a denominación “The Ray Gelato Giants”. Na actualidade, posúen varios números 1 e son admirados por outros grandes como Paul McCartney ou Bryan Adams.