Responsabilidade e prudencia durante a Semana Cultural San Froilán 2020

A edil de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, pediu á veciñanza de Lugo que, coa chegada do San Froilán continúe a demostrar o mesmo nivel de responsabilidade ante a crise sanitaria que se demostrou nos últimos meses. “Este ano o San Froilán non vai ser unha festa, senón unha semana de actividades culturais onde a seguridade tanto de artistas como do público foi a área na que máis esforzo dedicamos desde a área de Cultura”, explicou Maite Ferreiro.

A edil de Cultura explicou que “malia non haber festas, é seguro que moitas familias continuarán a realizar as clásicas xuntanzas do San Froilán”, e pediu que “nestas xuntanzas, onde seguramente se reúnan persoas non convivintes, non se deixe de lado a precaución, xa que seguimos nunha situación de emerxencia sanitaria”. Maite Ferreiro destacou a importancia de seguir os protocolos tamén durante as reunións familiares xa que son estas, segundo os datos das autoridades sanitarias, as que producen o maior número de contaxios.

PROTOCOLO NOS RECINTOS:

Entre todas as persoas facemos unha Semana Cultural San Froilán 2020 SEGURA:

✅ Recintos ao aire libre (con carpa), valados, con aforo reducido e acceso retirando entrada previamente (entradaslugo.es ou oficina de turismo da Pza do Campo 11)
✅ Todo o mundo (de 0 a x anos) ten que vir con entrada.
✅ O público estará sentado en cadeiras separadas 1,5 metros en tódalas direccións e haberá dispensadores de xel hidroalcohólico.
✅ No caso de abandoar un recinto no transcurso da actuación, non se poderá volver entrar; e esa cadeira tampouco poderá ser ocupada por outra persoa por motivos sanitarios.
✅ Deberán seguirse as indicacións dos acomodadores de cada recinto e facer uso do xel hidroalcólico no momento de entrar ao mesmo.
✅ Unha vez no recinto, en todo momento deberán respectarse as distancias de seguridade e será obrigatorio o uso dos tapabocas.
✅ Chega cedo!: as entradas terán validez ata 15 minutos antes da hora oficial de comezo do espectáculo.
✅ Unha vez comezado o espectáculo non se poderá acceder ao recinto.
✅ Grazas pola colaboración.