Inauguración da exposición A Outra Festa, do fotógrafo local Adra Pallón

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, inaugurou a exposición de fotografía A Outra Festa, que o fotógrafo lucense Adra Pallón realizou coas imaxes capturadas durante a edición 2019 do San Froilán e que se encadrou dentro das actividades da semana cultural do San Froilán deste ano.

Coa realización do proxecto, Adra Pallón quixo visibilizar a todas as persoas que fan posíbel que o San Froilán se poida realizar ano tras ano dende unha perspectiva de clase.

Maite Ferreiro convidou á veciñanza a visitar unha exposición “que nos sorprenderá pola sensibilidade coa que se achega ás persoas retratadas, cunha carga de dignidade e respecto que nos fai lembrar cuestións tan lexítimas como os dereitos das traballadoras e a dureza duns traballos que moitas veces semellan invisíbeis”.