Por primeira vez nun San Froilán, exhibición de saltos SALTAR NA RÚA

Rubén Arroxo e Maite Ferreiro presentan a exhibición de saltos Saltar na rúa, que forma parte do programa de San Froilán

O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, xunto á concelleira de Cultura, Maite Ferreiro e adestradores, integrantes e o presidente do clube de atletismo Lucus Caixa Rural Galega, Manuel Ignacio Castro-Gil Iglesias, presentaron a exhibición de saltos Saltar na rúa, que terá lugar o vindeiro martes 12 de outubro na contorna do Auditorio Gustavo Freire a partir das 17 horas. Maite Ferreiro explicou que “é a primeira vez que Lugo acolle unha exhibición deste estilo, que noutras cidades contan cunha grande popularidade e son xa citas anuais moi visitadas pola veciñanza”.

 A área de Cultura e o clube de atletismo Lucus Caixa Rural Galega organizan esta exhibición que contará con probas de salto de lonxitude e salto de altura. A cita contará coa animación musical de Galician Army, que dará un concerto a partir das 21:30 no mesmo recinto.

 A entrada á exhibición de saltos e ao concerto posterior de Galician Army será libre ata completar a cabida do recinto, e deberán seguirse as mesmas normas que no resto de actividades do San Froilán.