O pregón de Marisol Bravos emocionou a todo o mundo

Marisol Bravos inicia unha nova edición do San Froilán

Bravos deu inicio a unha nova edición da gran festa do outono galego que contará con máis de 100 actividades e concertos

Maite Ferreiro destacou que o San Froilán 2021 conta con “propostas totalmente consolidadas no calendario e propostas totalmente novidosas que serán un éxito entre a veciñanza e as persoas que visiten Lugo”

O San Froilán 2021 conta co patrocinio da Xunta de Galicia, Xacobeo 21- 22, Estrella Galicia, Abanca, Gadis, Caixa Rural Galega, Calfensa, Lence, Candelas.

 

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, realizou a presentación da pregoeira do San Froilán 2021. Maite Ferreiro destacou a ampla traxectoria de Marisol Bravos “na loita pola mellora da calidade de vida de todas as persoas con discapacidade”.

A presidenta de COGAMI deu comezo a unha nova edición da gran festa do outono galego que traerá máis de 100 actividades e concertos, cunha gran presenza das agrupacións musicais e culturais de Lugo, “as grandes protagonistas ano tras ano do San Froilán”, segundo afirmou Maite Ferreiro.

PREGÓN SAN FROILÁN 2021
“VIVENCIAS”

Sra. Alcaldesa, membros da Corporación Municipal, Autoridades, Familia, Amigos, Veciños e Visitantes que nos acompañades hoxe. Boa tarde!!
…………………….

Cando recibín a invitación para ser pregoeira, non daba crédito a semellante honra. Grazas por esta mostra de confianza. Grazas por respectar o dereito a participar en igualdade e por dar máis visibilidade á muller con diversidade funcional. Que hoxe estea aquí unha persoa con
mobilidade reducida é o recoñecemento a unha parte da historia que axudou a conformar o Lugo que temos hoxe. Grazas tamén a tantas mostras de apoio que recibín estes días. Ao darme conta da responsabilidade que asumira, empezaron a fluír os recordos e pensei que o título do pregón podía ser Vivencias baixo o lema de que “ninguén sabe do que é capaz ata que o intenta·. O amigo Iago Santalla titulou un artigo: “Pregoeira da diversidade”.
…………………….

Vounos invitar a facer un percorrido pola cidade en 3 etapas: o Lugo que coñecín, o Lugo polo que loitei e o Lugo que foi referente.

Para ambientar O LUGO QUE COÑECÍN, unhas pinceladas da miña historia. A miña historia é unha de tantas, simplemente serve para representar a sociedade que me tocou vivir: a do vaia por Deus, pobriña...

1) Nacín nunha aldea pretiño de Lugo, Vilachá de Mera. Son unha das nenas da polio, vítima doutra pandemia. Ía cumprir os 3 anos. Tres días na cama e o cuarto non me sosteño en pé. O virus quixo deixarme con graves secuelas. Consulta cos médicos: Dr. Ramos Vivero, Dr. Fiuza (a ese ía contenta porque me mercaban un “bollito de leche” nunha pastelería que había preto) e Dr. López Pardo. Había tanto desconcerto que incluso me visitaron médicos de fóra de Lugo. Todos coincidiron no diagnóstico: “non hai nada que facer”. Así que a tomar “aceite de hígado de bacalao” e, coa axuda de dous bastóns, empezar un camiño cheo de atrancos.


2) Difícil conformarse. Había que intentalo todo. Vivín arredor dun mes en Recatelo para que me tratase unha enfermeira. Cando entraba e saía coa miña nai, todos a pechar as portas e meterse nas casas. Medo ao contaxio. A historia que se repite. A de bata branca estaba no edificio Almacenes Martínez e tiña pouca empatía cos nenos. Unha tenda na Praza do Campo, para min o “Jesús da tienda”, deixoulle unha silla de paseo dos seus fillos para levarme. O da enfermeira non funcionou e volta para a aldea.


3) Os meus San Froilán empezaron de moi nena. Un recordo para o meu pai que me traía todos os anos o que implicaba levarme en brazos todo o día, despois de chegar ao coche de liña que estaba a uns 2 km. Ese día era todo para min, estreaba algunha roupa e pasaba o tempo polas barracas. El volvía co resto da familia e eu quedaba tan contenta. En canto ao santo, ao San Froilán, tamén tivemos certa relación. El ía acompañado dun burro, ata que llo comeu o lobo, e a min levábanme a algunhas festas na burra duns veciños. Xa daquela tiña claro o tema da paridade: el nun burro, pois eu nunha burra.


4) Case non fun á escola, a parte do mal camiño, non me admitían de boa gana. Ensináronme meus pais a ler e escribir. Aos 11 anos deciden mandarme a Lugo por se aprendía algún oficio. Casualmente, admítenme sen ningún problema no antigo Divino Maestro na rúa
Monforte. Eran varias casiñas iguais encima dunha carbonería. Sen ser moi consciente estaba

2

facendo o curso de Ingreso. Vivía nunha pensión ao lado do Campo das Cagallas e tiña que ir á misa ás Salesas, hoxe edificio da Xunta. Contenta coa comodidade da cidade, tamén descubro unha sociedade en contra.

5) Continúo estudando no Instituto Feminino. Fago 1º nun 4º piso. A de escaleiras que me quedaban de subir e baixar… En 4º aprendo a escribir á máquina na Academia Alvarellos e aí empezaría unha amizade con Enrique. En Cou escollo Introdución ás Ciencias da Educación e
remato co informe: “capacitada para EXB”.

6) Paso a Maxisterio. Cando levaba un mes de clases chámame a Xefatura de Estudios. Non podía continuar porque ao non facer Ximnasia, no Instituto estaba exenta, quedaría o expediente incompleto. Suavizan a noticia dicindo que podía facer unha solicitude á Universidade de Santiago, pero que non había precedentes. Aínda así mando a instancia. Non sei como explicar que deixo Maxisterio e sigo asistindo a clases en espera da resposta. Contra todo prognóstico resolven: exenta da Ximnasia práctica e debía examinarme da teórica. Algo evidente, pero tiña que haber unha primeira vez.

7) Sigo cursando 1º. En marzo, cítanme nunha oficina do Campo Castelo para proporme sacar o carné de conducir. Vivía en Dr. Fleming. Teño noción do camiño de ida, pero non do de volta. Quedei impactada coa posibilidade de conducir un coche. A noticia sorprende aos meus
pais, sobre todo, a miña nai que me dicía: “como vas conducir ti?”. Continúo na pensión no mes de xullo para ir á Teórica e facer as Prácticas. Autoescuela Dina adaptou un Seat 600. Carné aprobado á primeira. Podiamos conducir e ademais unha muller. Teño na data do carné o día seguinte da morte de Franco, unha persoa a que “os nenos da polio” non lle temos moita simpatía. Cando nacín xa existía a vacina e por promocionar o turismo, ocultouse a pandemia sacrificando a vida de miles e miles de nenos. No Nadal, un día ingresada no Sanatorio Pimentel e coa visita do vendedor, que aínda conservo de amigo, ultimase alí a compra do primeiro coche. Un Simca 1000 con cambio automático. Grazas ao Simca varias persoas sacaron o carné. A estratexia era ir de visita. A primeira reacción preguntar quen me acompañaba. Difícil imaxinar que a condutora era eu.


8) O primeiro contacto co mundo do minusválido foi aos 11 anos a través de ANIC (Asociación Nacional de Inválidos Civiles). Meus pais coñecérona polo Delegado Provincial, unha persoa con dificultades físicas que máis tarde, como Concelleiro, colaborou comigo. Conservo o
carné de socia (5 ptas. ao mes). Contrasta a miña foto coas siglas dunha Entidade relacionada cos mutilados da guerra. Con 14 anos, a familia empeza a cobrar a famosa prestación do Ministerio de Traballo. 1500 ptas en concepto de asistencia a menores subnormais. De Auxilia só coñecía os festivais Operación Sol. En 2º de Maxisterio asisto a unha colonia xunto a uns compañeiros que ían de monitores. Rodeada de persoas que case non sabían ler nin escribir ou que era a primeira vez que saían das súas casas, sentinme unha privilexiada. Deixaba un coche no garaxe e estaba a piques de rematar unha carreira, aínda que non se sabía moi ben para que... Como se fose unha chamada vocacional sentín que tiña que facer algo e aí empeza un peregrinar reivindicativo que
me levou a colaborar en actividades de todo tipo. Cando entrei en Auxilia empezaba a traballar así que descartei, con certa mágoa, seguir cantando no grupo Tangaraño. A música, unha das miñas afeccións.

9) Fago as Prácticas no colexio da Anexa con 42 nenas de 8º. Remato con Acceso Directo. Non tiña que facer as Oposicións. Pero aínda me quedaba arranxar os papeis e superar o último obstáculo. Un dos requisitos era presentar un certificado médico de “non padecer defecto físico”. Difícil esconder os meus bastóns.


10) Resumindo: estudei polo pracer de estudar. Nunca me preguntaban que quería ser de maior. Aínda que levaba boas notas semella que estaba alí por pasar o tempo.

3

Empezamos o percorrido no LUGO POLO QUE LOITEI. Comento algúns detalles máis descoñecidos. Non podo pararme en datas nin en nomes, en todo caso algúns nomes serán de
persoas que están no recordo ou que están librando a súa batalla. Sitúense a partir do 76 uns 25- 30 anos.


1) Auxilia naceu en España no 52. En Lugo, no 72. A primeira iniciativa do Goberno foi o Serem (Servicio de Recuperación de Minusválidos), dependente do Ministerio de Traballo, sen quedar moi claras as funcións. Un amigo do presidente nacional, José Farré, foi nomeado director do tal Serem e na carta de presentación daba por superada a etapa escolar. A resposta de Auxilia foi que a práctica totalidade da poboación minusválida estaba sen escolarizar así que difícil
acceder ao traballo. Con este ambiente de fondo organizouse unha Conferencia Nacional no Pazo de Congresos de Madrid, con asistencia de 2305 persoas, baixo o lema “La sociedad y el
minusválido: una actitud a cambiar”. Participaron 7 Asociacións, unha delas Auxilia. Este encontro, coñecido como Minusval 74, será o punto de partida. De Lugo asistiu, Xesús Mato, o
fundador de Auxilia. A miña primeira misión foi formar parte dun Consello de seguimento dese Serem que empezaba a funcionar, a modo experimento, cunha oficina en algunhas provincias. A
de Lugo no Campo Castelo, nun 1º piso.

2) Despois da Colonia empecei a colaborar con Auxilia e contactei con outros grupos de afectados. Encontreime dúas realidades moi distintas. Auxilia, unha asociación organizada na que se falaba de minusválidos sen minusválidos, a presencia era mínima a nivel directivo e uns Grupos de Base desorganizados, pero con outra dinámica de loita que me convencía máis. Aí empezou o meu empeño de cambiar o traballar para compasivo… ao traballar con solidario… Para darse unha idea: nunha reunión eramos 8 provincias, noutra 13 e así chegamos ao 1º Congreso en Santander, no 82, con 26 provincias. Imaxinen o que aínda quedaba por percorrer. Tan importante como coñecer a realidade de Auxilia foi incorporarme ao movemento asociativo. Viaxei moito en avión, pero quizá non saiban en que condicións. Iberia esixía asinar un prego de descargo conforme non se responsabilizaba de nada do que me pasara no voo. Só asinei unha vez porque me escondía detrás de alguén para retirar a tarxeta de embarque.


3) O que máis me convenceu de Auxilia foi o obxectivo da educación. Naceu dando clases por correspondencia e a domicilio. Aquí probouse cunha Aula Colectiva coa colaboración das Residencias Santísimo Sacramento e Eijo Garay. Estivo no Santísimo 4 anos. Impartín clases un curso antes de incorporarme ao primeiro destino. A primeira rampla no Instituto Feminino fíxose porque se matricularon dúas rapazas en cadeira de rodas procedentes desta Aula despois de aprobar o Graduado Escolar. Un dos mellores recordos é a experiencia de Escolarización de nenos con necesidades educativas especiais nun centro ordinario. Estou a falar de hai case corenta anos, curso 82-83. A inspectora que coordinou esta aventura di que fomos pioneiros en Galicia. Naceu das conversas co director do Serem, Cándido Rodríguez Caneiro, nunha viaxe de ida e volta a unha aldea da Fonsagrada para visitar a uns minusválidos. Ideamos unha Aula Especial no Centro Base, en Serra de Ancares. A min cambiáronme de Bretoña a Lugo para que me encargara do invento. Empezou con nove alumnos. Os de idade escolar conseguín, falando co director Sr. Navarro, que os matriculara o antigo Menéndez Pelayo na rúa Yañez Rebolo. Eu mandaba o informe das notas. Funcionou tres cursos e serviu para o traslado ao Illa Verde, o colexio que naquel momento reunía as mellores condicións de accesibilidade. Xa estaban nun colexio!!! Quedaba que estivese cada un cos seus compañeiros por idade. O transporte fíxose co primeiro microbús adaptado da Cruz Vermella.


4) Estar en contacto con outros grupos dábame unha visión máis completa da realidade. Auxilia abordou un abano moi amplo de actividades tratando de que non quedara ningún aspecto da persoa sen tratar. Algúns exemplos: A rehabilitación grazas ao médico Luis Coira que fixo un informe de 14 membros da Asociación. Unha iniciativa laboral no Taller-Escola de Artesanía da

4

Deputación para facer instrumentos musicais e traxes coa axuda de Xesús e Luciano. Gustaríame patrocinadores… pero a lista é moi larga. Unha mostra: A Cafetería Monterrei sempre coa atención do Sr. Ramiro. O Manila a onde iamos acabar as reunións. Galería Sargadelos na que presentei a varios relatores. Como a tarima era alta, fixeron un paso intermedio para min. Na Sala de Arte do Banco de Crédito e Inversiones as Exposicións de pintura con críticas de Trapero Pardo e Rafael Vilaseca, dous simpatizantes. Exposicións nas que colaboraban todos os pintores doando algún cadro como López Guntín. Dos moitos artistas e grupos: Suso Vaamonde, Miguel, o marido de Mª Manuela e Xosé Manuel Carballo. Tamén os presentadores, Tonina Gay pregoeira do ano pasado. Poetas como Manuel María, Fiz Vergara, Bernardo G. Cendán. Luis Cordeiro, director do colexio de Foz que nos daba todas as facilidades para as colonias. A parroquia da Milagrosa na que lembramos aos membros da Asociación falecidos e inauguramos a polémica rampla. Os medios de comunicación que sempre estiveron ao noso lado e foron un apoio fundamental.


5) O deporte. Parabéns á representante paralímpica. Foron 7 anos de éxitos (50 medallas de ouro, 22 de prata e 30 de bronce) pero non se puido organizar ningún Campionato por non dispor de hoteis adaptados. Tivemos que conformarnos coas “Primeiras Xornadas do Deporte na rúa”, na praza de Santa María, coa colaboración de varios patrocinadores e grazas ao colexio dos Franciscanos. Pasei o día coa responsabilidade dunha chave para acceder aos baños e ao ximnasio que habilitamos como comedor. Participaron xogadores do Breogán e do Xuncas. Arcadio Silvosa presentou a Xornada. Tamén tocou ir ao fútbol. Un neno fixo o saque de honra nun partido do Lugo co Barcelona B recibindo a maior ovación da tarde. Tiven que ir saudar no hotel ao capitán Jordi Cruyff. Traían un balón asinado polos xogadores titulares mediante unha xestión da Peña Barcelonista Lucense.


6) E chega a Accesibilidade. Por certo, ás Casetas de antes non podiamos ir polos bancos nos que era complicado situar unha cadeira de rodas e xa non digamos aos concertos. O diálogo era case sempre descompensado por descoñecer o problema. Eu volvía das reunións coas ideas claras, pero era difícil asentalas. Aínda así chegamos aos Primeiros e ás Primeiras. Sirva como mostra do 80 ao 85: o primeiro autobús adaptado da Cruz Vermella. A rampla do Feminino e a primeira fase de 70 a que seguirían outras cada ano. Feitas con máis ou menos éxito dependendo da idea dos obreiros. Ao non existir un modelo, unhas quedaban mellor que outras. A primeira cidade galega con semáforos acústicos. Os 20 primeiros aparcadoiros reservados. As primeiras Cabinas telefónicas. As tarxetas de aparcamento, moi polémicas porque non se respectaban. Na década dos 90: O primeiro taxi adaptado na antiga Residencia (non sen dificultades porque a xente non lle quería subir). O primeiro autobús con plataforma baixa, unha mellora pero non valía para cadeiras de rodas. Ningún edificio público era accesible, empezamos a reivindicar o ascensor do Concello. O Museo sempre buscando opcións cun timbre, unha rampla ata chegar á definitiva. Os ascensores de Maxisterio, primeiro o interior e despois o exterior. O do Círculo das Artes levou moito máis tempo. A de veces que me dixeron cando me vían subir a algún acto: “lo estamos mirando”. Denunciamos as barreiras con exposicións de fotografías nas que colaboraron os reporteiros gráficos de Lugo.

Hai uns días lía nun periódico o 96 como referencia da accesibilidade. Xa ven que non, hai que irse uns 15 anos atrás. O 96 é a data da Ordenanza Municipal. O borrador que aportamos levaba anos perdido polos despachos. Foi ao rematar o programa “Contraste de opinións” da
Televisión Lugo onde naceu o compromiso de formar unha Comisión. Alguén me dixo “Marisol me quitaste la venda de los ojos”. Curiosamente era a primeira vez que ía ao programa unha muller. Compartín debate cun compañeiro de Auxilia, un representante dos Construtores, dos Arquitectos, dos Sindicatos (o querido Anselmo Sampedro) e o Concelleiro de Urbanismo. Un ano de traballo e asistín por primeira vez a un Pleno con motivo da aprobación por unanimidade, 5 decembro do 96, no que se me entregou unha copia que conservo con cariño. Fomos pioneiros por ser anterior á Lei Galega de Accesibilidade.


7) Dicía que o diálogo era descompensado, pero tamén gardo moi bos recordos de dar coa persoa adecuada. Estou a referirme a unha quenda de rehabilitación na Piscina de Frigsa, despois
de asistir a unha reunión de comezo de curso co encargado. Ata aprendín a nadar. Tamén lembro á persoa que reservaba un espazo para os nenos nas Cabalgatas de Reis.
8) Chega a primeira charla “A cidade e os minusválidos” na Semana Cultural Operación Rosiña que organizou Enriqueta Otero. Foi na Delegación de Cultura en Santo Domingo, creo que
nun 2º piso sen accesibilidade claro está.

9) Tampouco nos libramos da picaresca por fraudes de empresas que cobraban subvencións simulando que tiñan traballadores. E vendas de todo tipo coa desculpa de recadar fondos. Un
momento complicado foi denunciar que non admitían a nenos en cadeira de rodas nos campamentos de verán.


10) Remato este paseo cunhas anécdotas. Taxista “Non levaba cadeira de rodas”. Entroido Premio “Se habrán enterado ellos de que han ganado?”. Veterinaria “Xa tes a rampla”. Milagrosa
“y la estética del edificio”. Cine “Pero, van al cine?”. Edificio público “eso está muy bien, pero aquí no se puede hacer”, agora é accesible. Comercio, o acceso nunha porta pechada cunha nota de
que se avise no mostrador para que a abran. Imaxinen a sensación de impotencia que me quedaba.

…………………….
E tócalle o percorrido ao LUGO QUE FOI UN REFERENTE.


1) Empezo coa Vacina da Polio. Utilizouse Lugo, tamén León, para unha campaña secreta de vacinación, sen informar ás familias que era un ensaio e administrando doses que xa non estaban
admitidas.


2) Lugo foi das primeiras en formar parte do Movemento Asociativo. Chocaba que unha provincia, que pasaba desapercibida, estivera na elaboración da primeira Lei de Integración, a
famosa LISMI, e sempre facendo presente a realidade do mundo rural. Partimos dun pequeno borrador que presentou Trías Fargas, un deputado catalán pai dun neno con síndrome de Down.
Compartín reunións con Marcelino Camacho, secretario xeral de CCOO e co deputado andaluz Juan de Dios Ramírez Heredia. Un ano antes da aprobación, no 81, celébrase o primeiro Ano
Internacional. Na maioría dos medios de comunicación: Ano do Diminuído ou Deficiente. O concepto “persoa” non aparecía. As palabras axudan a conformar os pensamentos así que mellor
“persoa con diversidade funcional”. Eu fun subnormal máis de vinte anos. Fixen Maxisterio cun flamante certificado de subnormalidade.


3) Como mestra tamén me tocou abrir camiños. De case non ir á escola xubileime despois de dar clases 37 anos en colexios públicos. Non me crían que estivese no Ensino Público, se ve que
non había moitos. Estou segura que foi decisivo o certificado médico que había que presentar. Fíxomo un médico da rúa San Pedro. Expliqueille a situación e díxome: “con su carrera terminada,
no voy a ser yo quien la juzgue a usted”. Informou detalladamente do que me pasara sen engadir a coletilla do “defecto físico que le impide…”. Incluso saín da consulta preocupada se non me valía por non poñer aquel rollo. Sempre en colexios sen accesibilidade menos 5 anos, os catro últimos no Menéndez Pelayo, o colexio polo que loitei que fora accesible sen imaxinar que me xubilaría nel. E teño que citalos en lembranza dos meus queridos alumnos, compañeiros, familias, persoal
non docente: Fonteita, no Corgo; Román, en Vilalba, uns días en Bretoña e despois no Centro Base 6 en Lugo, Colexio Público de Alfoz, Veleiro Docampo de Castro Ribeiras de Lea, Centro de Adultos de Albeiros e o Menéndez Pelayo. A todos, Grazas!!


4) Fomos referente no conxunto das Auxilias. Nun principio non se entendía a nosa presencia nos medios de comunicación. Repito o meu agradecemento. Utilicei a temática das seis películas dun ciclo da XVII Semana de Cine para presentar un relatorio nun Pleno Nacional. Resultado desa xuntanza creouse unha Coordinación Xeral. Lugo tamén foi pioneira na relación co Minusválido illado, unha experiencia que coordinei para as outras Auxilias.


5) Lugo estivo na organización da primeira viaxe do Imserso. Naquel momento estaba na directiva da Coordinadora Estatal. Contra reloxo había que presentar unha memoria da
experiencia dunhas “vacacións en grupo” así que pasei as de Nadal en Torrent, Valencia, nun hotel que inventou unha accesibilidade para saír do paso. Aí naceron as viaxes do Inserso.


6) Outra faceta coa presencia de Lugo foi a IV Xornada Mundial da Xuventude, en Santiago, para ler o Manifesto dos xoves minusválidos ao Papa. No Xacobeo 93, a ofrenda tocoulle a Lugo.
Estiven acompañada da concelleira Pilar Iglesias Osorio.


7) Representei á muller con diversidade funcional nun anuncio para unha campaña televisiva, xunto a outras nove mulleres de distintos sectores profesionais. Fíxose desde o Servicio
Galego de Igualdade promovido pola Consellería de Familia. O lema era “Son unha muller, teño os meus dereitos”.


8) Fomos un referente negativo, en Tráfico. Á hora de actualizar a velocidade acorde coas novas adaptacións dos coches, non acababan de decatarse e había que ir a outras cidades galegas. O problema volveu a xurdir coa chegada do carné por puntos.

9) Tamén quedaron cousas como o desenrolo dunha Disposición Adicional en Educación que tería que contemplar nos Concursos de Traslados prazas para servicios administrativos. Entrevista con todos os Delegados, pero nada. Lembro ao meu compañeiro Xosé Rábade Arias.

…………………….

Despois dos paseos pola historia de Lugo, estarán comigo que a mirada desde o pasado é gratificante. Cara o futuro aínda queda moito por facer. Que mellor que as festas, aínda que non son como quixeramos, para celebralo.


1) Nestes anos podería falar de alegría, traballo, iniciativa, dispoñibilidade, colaboración… porque penso no Voluntariado. Vaia un recordo-homenaxe para todos, tamén o grupo da Cruz
Vermella. A miña presencia que sexa unha mostra de agradecemento ao seu labor desinteresado e de recoñecemento a súa loita pola dignidade das persoas. Todo se fixo desde un voluntariado
altruísta e responsable. Imaxinen como era a accesibilidade, pois nunca foi impedimento para organizar actividades. Á súa falta era compensada coa forza física, coa maña para subir e baixar
escaleiras, para levar ás persoas ao baño, etc. Un recordo para o meu pai, que o levaba a moitas excursións porque así tiña asegurado quen subira ao autobús as persoas máis pesadas. Xa non nos
quedaban sitios de Galicia que visitar e empezamos a saír a Asturias, León, Portugal. Lembro a Manolo do Mesón de Marcos que nos levaba ao Concurso Internacional de Castillos en la Arena.
Non podían faltar os compañeiros do Colectivo AdianteXá. Un grupo de 6 persoas que nos reunimos para reflexionar sobre a problemática social da discapacidade. Dedicamos un tempo a
documentarnos, conseguimos que se empezase a falar da Atención Temperá en Lugo e fomos quen de organizar as I e II Xornadas e distribuír a primeira Guía de recursos de Atención Temperá
da provincia. Contamos sempre co apoio do Concello.

Tamén os 7 mestres que nos aventuramos co proxecto Aprendemos xuntos para todos os colexios de Galicia. Unha guía, fichas de traballo e o conto Noa e o xenio Reviravoltas,
ambientado na muralla cando se pedía o recoñecemento como Patrimonio da Humanidade. A cociña da miña casa foi testemuña de moitas horas de traballo, despois dun café e un biscoito. As
Consellerías de Familia e Educación asumiron a impresión e o Concello a distribución que se fixo a través de Famislu, daquela a Federación de Lugo.


2) O meu recordo-homenaxe vai tamén para as nenas e os nenos que teñen que vivir unha infancia distinta e para as FAMILIAS que loitan contra vento e marea pola inclusión dos seus fillos.
De maneira especial lembro o sacrificio das nais que case sempre levan a maior carga e que hoxe represento na miña, recentemente falecida.


3) E o recoñecemento para un alcalde que ao recoller o Premio Reina Sofía de Accesibilidade, lembrou como foron os comezos e así mo transmitiu. Considerou que debía ter
unha réplica dese premio, réplica que loce nunha vitrina do meu estudio.

…………………….

Despois deste flash polo pasado confésolles A NOSA UTOPIA. Pensamos que cando o Estado se fixese cargo xa non eramos necesarios. Soñar non ten cancelas. A primeira Lei de consenso na
que estaban todas as nosas expectativas tiña un prazo de 10 anos e desenrolouse só unha terceira parte. Como imaxinar que 45 anos despois aínda seguiría loitando por unha rampla.
A sociedade non cambia se non hai unha parte da mesma que loita por ese cambio. Así que a seguir desde outras alternativas, coas novas tecnoloxías ou iniciativas innovadoras como
“Apadriña un político”, unha idea que xurdiu traballando na Lei de Dependencia. Sigo cos meus afillados non para mandarlles chuches precisamente.
Lembren que ninguén sabe o que lle vai deparar o futuro. A peor discapacidade é non darse conta de que somos iguais e merecemos as mesmas oportunidades. “Ser diferente non é o
problema, o problema é ser tratado diferente”.


E vou rematar cunhas INVOCACIÓNS, en plural, a San Froilán para que interceda.

1) Queremos unha Educación inclusiva sen bulling, sen acoso, sen miradas tristes nos nenos.
2) Queremos unha Sanidade que nos teña en conta. Os de polio estamos esquecidos. O
noso virus ten unha segunda parte: o síndrome postpolio. Esforzámonos demasiado por levar
unha vida normal cando era o que non debiamos facer porque esgotamos as células que quedaron
vivas. Agora temos que valernos de axudas técnicas cuns prezos que non sempre son asumibles.
3) Queremos erradicar a lacra da Violencia de xénero. No caso das mulleres con diversidade
funcional, o índice de maltrato é maior solapado no ámbito familiar, dos coidadores…
4) Queremos respecto á diversidade e aos nosos maiores e un futuro esperanzador para os
xoves.
5) Queremos un mundo rural máis coidado. O tempo fai estragos nas pistas. Cando merquei
o primeiro coche, meu pai fixo amaños aproveitando as corredoiras ao máximo para que me
chegara á casa. Agora case non chega polas fochancas.
6) Queremos unha cidade máis limpa. Os de cadeira de rodas imos recollendo as cacas do
can, os chicles, os esgarros…7) Queremos que se valore a nosa lingua. A propósito, sigo a pedir un día das Letras Galegas
para Fiz Vergara.
8) Queremos que se cumpra a lexislación recoñecendo o dereito a unha vida autónoma e
independente coa figura do asistente persoal.
9) Queremos Accesibilidade e Deseño para todos. O 4 de decembro de 2017 tiña que ser
todo accesible. Aínda estamos moi lonxe. Que poidamos baixar a garda. Só temos unha vida!!
10) Queremos que a pandemia sexa historia canto antes así que unha chamada á
responsabilidade.

…………………….

E xa deixo paso a nove días de alegría, de convivencia, de diversión, de acollida, de polbo, de
churros…
Felices festas para todos! Viva Lugo! Viva o San Froilán! Moitas grazas!!

Marisol Bravos
4 outubro 2021