O San Froilán demostrou ser unha vez máis a gran festa do outono galego, sinalou Maite Ferreiro

"O San Froilán demostrou ser, unha vez máis, a gran festa do outono galego con seguridade e responsabilidade" resumiu Maite Ferreiro


Ferreiro afirmou "damos por cumprido o obxectivo de que cada unha das centos de miles de persoas que participaron na festa gozaran e sentisen seu o San Froilán"

A responsable da área de Cultura destacou “a responsabilidade de todas as persoas que participaron” e “a boa aceptación das actividades novidosas deste San Froilán”

 

Lugo, 13 de outubro de 2021. A edil de Cultura, Maite Ferreiro, fixo balance das festas do San Froilán unha vez rematadas. A responsable de Área de Cultura indicou que "non imos dar cifras sobre o número de persoas que acudiron este ano ao San Froilán por que todo o intento de cálculo deste tipo é tan complexo como incerto" e engadiu "damos por cumprido o obxectivo de que cada unha das centos de miles de persoas que participaron na festa gozaran e sentisen seu o San Froilán".

Maite Ferreiro aproveitou para facer un especial agradecemento a todas as persoas, empresas e colectivos que dun xeito ou outro participaron na organización das festas, facendo especial mención aos diferentes departamentos e persoal do concello que "nestes días traballaron de xeito continuado para que o San Froilán fose un éxito como foi o caso do persoal de cultura, policía local, bombeiros ou o servizo de limpeza".

"A asistencia de público aos concertos e ás actividades programadas foi máis que satisfactoria, lucenses e visitantes disfrutaron do San Froilán dende o seu comenzo o día 4 ata o seu remate o día 12 con seguridade e cumprindo os protocolos sanitarios vixentes" indicou Maite Ferreiro e engadiu "a gran afluencia de veciñanza e visitantes demostrou que despois de case dous anos de restriccións, a xente quería unhas festas como o San Froilán, cun programa que chegara a todo tipo de público para que todas as persoas de Lugo e as visitantes sentisen o San Froilán como seu".

Grupos e espectáculos do San Froilán

Maite Ferreiro afirmou que "esta edición volveu facer do San Froilán a gran festa do outono galego". O programa de festas deste ano contou con máis dun cento de actividades musicais e a participación duns 50 grupos locais. Ademais, a animación de rúa foi protagonista do San Froilán con 4 espectáculos itinerantes no centro, ademais de múltiples pasarrúas e as actuacións do Mago Antón, que contaron con máis de 1200 participantes, distribuídas por toda a cidade. Ademais, Maite Ferreiro lembrou que este ano as orquestras volveron ao San Froilán, consolidándose como unha das actividades máis reclamadas polas veciñas e veciños de Lugo.

A edil de Cultura destacou tamén a participación de colectivos e asociacións que programaron eventos encadrados no programa de festas e a grande participación das familias nas 10 actuacións que completaban o programa do San Froilán Miudo.

Deporte

15 actividades deportivas tiveron lugar nas datas próximas ás festas, e o propio San Froilán contou con dúas iniciativas novidosas e que recibiron un amplo apoio da veciñanza, a exhibición de bolos celtas e o espectáculo Saltar Na Rúa.

Promoción turística

"Aproveitamos a grande afluencia de persoas que tivo este ano o San Froilán para promover os valores da nosa cidade e para convidar a quen nos visitou nestas datas a volver a Lugo" explicou Maite Ferreiro. Durante as festas permaneceron abertos os distintos puntos de información turística dos que dispón o concello de Lugo para atender a visitantes. Tamén se aproveitaron as pantanllas xigantes da praza da Horta do Seminario para promover as distintas campañas turísticas do concello

San Froilán máis inclusivo

Ferreiro destacou que esta foi a edición máis inclusiva do San Froilán, e destacou a labor da pregoeira, Marisol Bravos, para mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade. Ferreiro lembrou que “é a primeira vez que unha persoa con discapacidade da inicio á gran festa do outono galego”.

Este San Froilán contou novamente con postos lilas onde especialistas en materia de igualdade informaron, concienciaron e deron pautas para evitar situacións de acoso e violencia machista. Maite Ferreiro afirmou que “durante as festas non se notificou ningunha agresión nin situacións de perigo” e destacou que “moita mocidade se achegou aos puntos lilas para recibir información e saber como actuar ante este tipo de situacións”.

50 aniversario da Ofrenda a Rosalía

A xornalista local Nieves Neira foi a responsábel de levar adiante a Ofrenda a Rosalía no Domingo das Mozas, que este ano celebrou o seu 50 aniversario. Maite Ferreiro destacou o traballo de Nieves Neira pola recuperación da cultura tradicional galega e o seu traballo de promoción das artes escénicas.