Olga Novo será a oferente a Rosalía do San Froilán 2022

 
A comisión de festas aprobou por unanimidade que a poeta Olga Novo sexa a oferente a Rosalía.
 
A poeta da Pobra de Brollón é licenciada en Filoloxía Galega pola USC.
 
A súa carreira literaria comezou no 1996 coa publicación do seu primeiro poemario, A teta sobre o sol. 
 
Durante a súa carreira, publicou 5 poemarios e conta tamén con 5 ensaios publicados nos que analiza distintas facetas da literatura galega, ademais, colaborou en 16 obras colectivas con outras poetas.
 
A obra de Olga Novo foi recoñecida co premio Losada Diéguez de literatura no 1998, o premio Ánxel Fole de investigación no 2004, ano no que foi recoñecida tamén polo Patronato da Cultura Galega de Montevideo, ao adicarlle esta asociación o Día da Poesía.
 
Novo foi recoñecida tamén co premio da Crítica da poesía galega no 2011 e no 2019, o premio de Historia Medieval de Galiza e Portugal no 2012, e no 2020 foi recoñecida co Premio Nacional de Poesía outorgado polo ministerio de Cultura.
 
A comisión de Festas está composta por 8 integrantes, 3 en representación do grupo municipal Socialista, 2 do Popular, 2 do Bloque Nacionalista Galego e 1 en representación de Ciudadanos, ademais do xefe de Servizo de Cultura, que actúa como secretario da Comisión.