Programa do San Froilán 2022

 

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou nunha nova xuntanza da Comisión de Festas, o programa completo do San Froilán 2022.

Ferreiro destacou que “entre o 4 e o 12 de outubro, as rúas de Lugo acollerán máis de 200 actividades, e máis da metade delas serán musicais, dando lugar a un programa do San Froilán no que todas as veciñas e veciños de Lugo atoparán unha actividade do seu gusto”.

“As agrupacións locais terán o protagonismo nos concertos e nas actividades de rúa”, afirmou Maite Ferreiro, que engadiu “contaremos con máis de 50 grupos de Lugo e concertos de primeiro nivel”.

A volta da gran festa do outono galego sen restriccións sanitarias supón a volta de actividades que nos anos da pandemia se aprazaron debido ás masificacións. “Este ano volverá o desfile do traxe tradicional, celebrando o seu 50 aniversario”, anunciou a edil de Cultura, que engadiu “tamén volve o desfile do gando, que terá lugar o venres 7 ás 6 da tarde”.


As familias contarán con 22 actividades de calidade, que se celebrarán tanto na carpa do aparcadoiro do Seminario como nas rúas de Lugo dentro do San Froilán Miúdo. En total, o programa conta con 50 concertos en escenario e preto de 90 actividades de rúa, con pasarrúas, espectáculos itinerantes e animación nos barrios.

Maite Ferreiro anunciou que esta é a edición “máis social” do San Froilán:

Na edición deste ano haberá un novo servizo de punto lila, onde especialistas en materia de igualdade traballarán en informar, concienciar e dar pautas para evitar situacións de acoso e violencia machista, e proporcionarán apoio, refuxio e asesoramento no caso de que acontezan.


Ademais, por primeira vez contarase cun servizo de mochilas vibratorias para persoas con discapacidade auditiva nos concertos da praza Horta do Seminario.


Maite Ferreiro anunciou que o programa estará impreso nos próximos días e pode descargarse xa na web sanfroilan.info