Día dos Nenos e Nenas no San Froilán

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou que recinto feiral abrirá un día máis con prezos reducidos.
 
“Celebraremos o día dos nenos e nenas despois de escoitar a proposta das e dos empresarios do sector, permitindo que o recinto feiral prolongue a súa estancia un día máis a cambio de ofrecer prezos reducidos nos distintos postos”, explicou Maite Ferreiro.
 
A proposta, que contou co apoio da comisión de festas, supón ampliar un día máis a apertura dos postos do recinto feiral, ofrecendo un prezo reducido de 3€ por viaxe nas atraccións para persoas adultas e de 2€ nas atraccións infantís.
 
A comisión de festas está composta por 8 integrantes, 3 do grupo municipal Socialista, 2 do Popular, 2 do Bloque Nacionalista Galego e 1 en representación de Ciudadanos, ademais do xefe de Servizo de Cultura, que actúa como secretario da Comisión.