Lugo reforza o dispositivo de seguridade do San Froilán con máis videovixilancia, unha terceira ambulancia e unha avaliación detallada dos riscos

A Xunta Local de Seguridade analizou o operativo especial para as festas, que por primeira vez inclúe unha avaliación específica dos riscos de cada evento e concerto do programa.

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, e a subdelegada do Goberno copresidiron este martes, 29 de setembro, no Salón de Plenos do Concello, a Xunta Local de Seguridade do San Froilán, na que se abordou o dispositivo especial previsto para as festas patronais, que se celebrarán do 4 ao 12 de outubro. Na reunión participaron tamén o concelleiro de Cultura, Javier Vázquez, o comisario do San Froilán e responsables da Policía Nacional, a Policía Autonómica, a Policía Local, a Garda Civil, Protección Civil, Bombeiros, os servizos de emerxencias e a AXEGA, que analizaron a planificación do operativo ante a importante afluencia de persoas prevista durante as festas.

Unha avaliación de riscos evento a evento

Entre as cuestións abordadas, prestouse especial atención a que as vías de evacuación do recinto feiral permanezan libres e a que os accesos estean sempre garantidos nos lugares con concentracións de persoas, tal e como establece o Plan de Autoprotección (PAU). Unha das principais novidades deste ano é que se realizou unha avaliación detallada dos riscos asociados a cada evento e concerto do programa, con medidas específicas de prevención en función das características de cada actividade. O novo plan incorpora ademais a avaliación dos riscos do recinto feiral desde a súa fase de funcionamento previa ao inicio oficial das festas e inclúe formalmente o Día do Neno, que se celebrará o 13 de outubro.

12 cámaras de videovixilancia

O dispositivo contará cun sistema de videovixilancia de 12 cámaras distribuídas por diferentes puntos da cidade, para facilitar o control das afluencias e a detección de posibles incidencias:

  • Praza Maior: 2 cámaras, unha na parte superior e outra na inferior.
  • Praza do Campo: 1 cámara con megafonía, operable desde o centro de control.
  • Rúa Nova: 1 cámara fronte á praza da Soidade.
  • Paseo Vila de Foz: 1 cámara nas proximidades de Frei Plácido Rei Lemos.
  • Explanada do Pavillón Municipal de Deportes: 2 cámaras.
  • Parque Rosalía de Castro: 1 cámara no bancal intermedio.
  • Avenida Alcalde Anxo López Pérez con Horta do Seminario: 1 cámara tipo domo con infravermellos.
  • Praza de Avilés, fronte á Audiencia: 1 cámara domo con infravermellos e megafonía integrada.
  • Fondo da rúa García Portela: 1 cámara domo con infravermellos.
  • Parte superior do camión de mando: 1 cámara domo con infravermellos.

Dous centros de control

Os días 4, 5, 10, 11 e 12 de outubro, as cámaras controlaranse desde o camión principal da AXEGA, que funcionará como centro de mando. O resto das xornadas utilizarase o Centro de Control Móbil da Policía Local. Ambos situaranse na avenida Alcalde Anxo López Pérez, á altura da praza Horta do Seminario. Deste xeito, o dispositivo permitirá centralizar a información procedente das cámaras e facilitar a coordinación dos diferentes servizos operativos.

Punto de encontro, pulseiras identificativas e punto violeta

O Punto de Encontro para menores e persoas desorientadas estará situado na praza de Avilés, onde compartirá espazo coa caseta de lactación. A carpa de Protección Civil, situada na praza da Horta do Seminario, encargarase de colocar pulseiras identificativas aos menores os días 3, 4, 5, 10, 11 e 12 de outubro e durante o Día do Neno, o 13 de outubro. Pola súa parte, o punto violeta estará situado en Fernando de Casas Novoa.

Unha terceira ambulancia para reforzar a asistencia sanitaria

Outra das novidades do dispositivo deste ano é a incorporación dunha terceira ambulancia, que permitirá reforzar a cobertura dos eventos simultáneos máis sensibles. O dispositivo sanitario estará reforzado desde o mércores 30 de setembro ata o luns 12 de outubro, con ata tres ambulancias simultáneas nos momentos de maior cobertura e nas zonas de maior afluencia: Horta do Seminario, Casco Histórico, praza de Avilés, Augas Férreas, Agro do Rolo e San Fiz, especialmente durante as xornadas festivas principais e as fins de semana.