O Concello autoriza os caldeiros de polbo no exterior dos establecementos de hostalería durante o San Froilán

Un bando da Alcaldía permite, de xeito excepcional, a súa instalación do 3 ao 12 de outubro e fixa as condicións para garantir o tránsito peonil, os accesos e a seguridade.

O Concello de Lugo permitirá de xeito excepcional que os establecementos de hostalería da cidade instalen caldeiros de polbo no exterior dos seus locais con motivo do San Froilán 2026. Así o recolle o bando asinado pola alcaldesa, Elena Candia, que autoriza estas instalacións do 3 ao 12 de outubro, ambos os dous incluídos. A medida responde á boa acollida que esta posibilidade tivo no sector da hostalería en anos anteriores. Durante eses días, os establecementos quedan dispensados da prohibición xeral de ocupar a vía pública con estes elementos.

Condicións para a instalación

O bando establece as condicións que deberán cumprir os establecementos:

• Garantirase en todo momento o tránsito peonil e o acceso ás vivendas, garaxes e locais comerciais, deixando espazo suficiente para que peóns e usuarios circulen con seguridade.

• Os caldeiros non poderán afectar á circulación de vehículos.

• Estarán protexidos en todo o seu perímetro, de xeito que ningunha persoa do público poida ter contacto con eles.

• Deberá cumprirse a normativa vixente en materia de seguridade e saúde, e restituirase calquera ben público afectado.

• Todo elemento instalado no exterior deberá estar incluído nunha póliza de responsabilidade civil.

• O Concello resérvase o dereito de modificar as condicións de instalación.

Control da Policía Local

Os axentes da Policía Local poderán requirir aos titulares destas instalacións que adopten as medidas necesarias para velar pola seguridade veciñal. Mesmo poderán ordenar a retirada total ou parcial dos elementos que non se axusten ao previsto, dificulten o paso de peóns ou vehículos ou supoñan un perigo. O incumprimento do bando poderá ser obxecto de denuncia e da tramitación do correspondente expediente sancionador, así como da adopción de medidas cautelares inmediatas.