O Concello presenta o programa completo das patronais de Lugo, con 346 actividades para un «San Froilán para todos»

A programación xa pode consultarse en sanfroilan.info e inclúe 47 propostas do San Froilán Miúdo, máis de 40 pasarrúas, 13 corais, 13 orquestras, 17 actividades deportivas e 19 propostas relacionadas coa artesanía e a gastronomía.

O Concello de Lugo presentou o programa definitivo do San Froilán 2026, que reúne 346 actividades e que xa pode consultarse na súa totalidade en sanfroilan.info. As festas celebraranse do 4 ao 12 de outubro, cunha programación ampla e diversa, pensada para todas as idades e para diferentes formas de vivir as patronais.
O programa articúlase arredor da idea dun «San Froilán para todos», con música, verbenas, cultura tradicional, propostas familiares, actividades de rúa, mocidade, deporte e unha ampla presenza das agrupacións e artistas locais. A programación nos escenarios municipais é gratuíta e as propostas repártense por diferentes puntos da cidade.

O pregón abre as festas

Un dos primeiros momentos destacados das patronais será o pregón do domingo 4 de outubro, ás 12:00 horas, a cargo de Sonsoles Ónega, desde o balcón da Casa do Concello. Ás 12:30 horas, Os Pelúdez entre nós, os Xigantes e Cabezudos e Cantigas e Frores percorrerán a praza Maior e diferentes rúas do centro da cidade.

Un San Froilán máis amable e accesible

O programa incorpora este ano un apartado específico para facer do San Froilán unhas festas máis amables e accesibles, con tres medidas:
• Festas sen foguetes. Non haberá fogos artificiais con foguetes, para reducir o impacto do ruído e facilitar a participación de persoas e animais especialmente sensibles.
• A hora sen ruído. Do 4 ao 12 de outubro, entre as 17:00 e as 18:00 horas, as barracas reducirán o ruído para ofrecer unha experiencia máis tranquila no recinto feiral.
• Préstamo de cascos antirruído. As persoas que o precisen poderán solicitar cascos para reducir o impacto do ruído e acceder ao recinto con máis comodidade.

47 propostas no San Froilán Miúdo

A programación infantil e familiar reúne 47 actividades, con espectáculos, música, xogos, propostas itinerantes e actividades creativas. Entre elas figuran as actuacións itinerantes de Diminuts e Carrusel Ambulante.
A cativada poderá gozar dos espectáculos de Pica Pica, Triplette, La Caixeta, Zirco Zaurre, Xogos ao Grande, Xogar de Breogán e a Granola Gominola, ou do concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona, o domingo 11 de outubro ás 18:30 horas no patio do Edificio Administrativo do Concello.
Os nenos e nenas de Lugo xa puideron conectar co espírito das festas grazas a Os Pelúdez, que o 24 de setembro completaron as súas 30 visitas a centros educativos, escolas infantís e ao HULA. Para a mocidade, o programa inclúe propostas como o espazo Hip Hop, San Froidance ou o Electronic Lucus Fest, entre outras.

Concertos, verbenas e música local

A programación musical mantén diferentes escenarios e ambientes, con concertos gratuítos, música tradicional, artistas galegos e unha ampla presenza de formacións e artistas locais.
As 13 orquestras repartiranse por catro localizacións ao longo dos nove días de festa, con verbenas todos os días. Na praza Maior actuarán Marbella, Principal, Los Satélites, Acordes, Grupo Beatriz, Punto Clave, América, Suavecito, Escaparate e Costa Dorada. Ademais, París de Noia tocará en Augas Férreas, Panorama City no Agro do Rolo e La Panorama en Sanfiz.
A praza de Santa María contará cunha programación propia vinculada á música tradicional, á cultura galega e ás agrupacións locais, con corais, bandas, gaiteiros, zanfonas, danza e outras propostas culturais.

Deporte, artesanía e gastronomía

O San Froilán contará tamén con 17 actividades deportivas en diferentes instalacións e espazos da cidade: xudo, fútbol sala, voleibol, baloncesto, tenis, golf, atletismo, fútbol, billar, petanca e automobilismo. Entre as citas destacan o 51º Trofeo San Froilán de Judo, o XXV Torneo de Tenis, o XXX Torneo de Golf, a III Milla Urbana Lucus, os encontros do Breogán, do CD Lugo e do Ensino e o 48º Rallye San Froilán.
O programa reúne ademais 19 propostas vinculadas á artesanía, á gastronomía e á cultura, entre elas a Feira de Artesanía e Gastronomía Gastroarte, con participación de diferentes profesionais. Na Mosquera montarase unha feira de antigüidades.
A programación inclúe tamén propostas repartidas por diferentes espazos e barrios da cidade, para que o San Froilán se viva máis alá dos grandes escenarios. E, como novidade, o último día das festas haberá un espectáculo de drons.

«Alento», a nova benvida ao recinto feiral

Outra das novidades desta edición é «Alento», unha escultura de madeira de grandes dimensións do escultor Xoán Vila que representa a figura dun gaiteiro. A peza sitúase á entrada do recinto feiral, na rotonda de Ramón Ferreiro, no punto no que habitualmente se instalan os romanos do Arde Lucus, e servirá como novo elemento de benvida ao recinto.
Desde o sábado 26 de setembro están abertas as barracas e as casetas do polbo, dous dos elementos máis recoñecibles e vinculados á identidade do San Froilán, que volven converter o recinto feiral nun dos principais puntos de encontro das festas.

Un programa froito de moitos meses de traballo

Detrás destas 346 actividades hai moitos meses de traballo. O Concello quere agradecer especialmente ao equipo da Concellería de Cultura o esforzo, a coordinación e a dedicación necesarios para facer posible este programa, así como a todas as persoas, colectivos, artistas, entidades e profesionais que contribúen ao desenvolvemento das festas.
O Concello agradece tamén a colaboración das empresas e entidades que participan como patrocinadores oficiais do San Froilán 2026: Corporación Hijos de Rivera, Caixa Rural Galega SCCLG, Abanca, Calfensa Proyectos SL, Cafés Candelas SL, Gadisa Retail SLU, Grupo Leche Río SA, Hallman, Dmanan, Quirón, Froiz e Comunicación del Territorio.