Os Pelúdez completan as súas 30 visitas a colexios, escolas infantís e ao HULA

Como novidade, este ano chegaron por primeira vez ás escolas infantís municipais, para achegar o espírito das festas ás nenas e aos nenos máis pequenos.

Os Pelúdez completaron o 24 de setembro a súa primeira rolda de visitas vinculadas ao San Froilán: 30 encontros en colexios, escolas infantís e no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), cos que levaron o espírito das festas a diferentes espazos e públicos da cidade.

A última xornada comezou na Escola Infantil Municipal Gregorio Sanz, onde as nenas e os nenos recibiron con ilusión os populares personaxes. Grazas a esta programación, tamén os máis pequenos se incorporaron ás actividades do San Froilán e tiveron un primeiro contacto cuns personaxes estreitamente ligados á historia e á identidade das festas. Despois, Os Pelúdez desprazáronse ao HULA, onde puxeron o punto final á iniciativa.

Unha lección de historia en clave de festa

Desde o 15 de setembro, cando as visitas arrancaron no colexio Compañía de María, os personaxes representaron en cada centro unha pequena peza na que contaron como antigamente moitas familias baixaban das aldeas a Lugo polo San Froilán para ir ás feiras e ás festas, cargadas con produtos do campo. O alumnado puido participar, facer preguntas e coñecer de primeira man uns personaxes que forman parte da memoria popular das festas.

Dentro do San Froilán Miúdo

As visitas formaron parte da programación do San Froilán Miúdo da Concellería de Cultura e Educación, que este ano quixo achegar o espírito das festas ás novas xeracións a través de diferentes propostas culturais e educativas.

Os Pelúdez, tamén nas festas

A súa participación non remata nas aulas. Durante o San Froilán, Os Pelúdez estarán en varios actos do programa:

•

Domingo 4, 12:30 h: Os Pelúdez entre nós, tras o pregón, cos Xigantes e Cabezudos e Cantigas e Frores.

•

Luns 5, 12:30 h: no recinto feiral.

•

Venres 9, 21:00 h: na verbena da praza Maior.

•

Domingo 11, 17:30 h: visita guiada polo cemiterio de San Froilán.

•

Domingo 11, 19:30 h: na zona dos viños.