Presentación

Chegou o outono un ano máis e con el o San Froilán. Non hai mellor maneira de comezar un ano, xa que mentres no resto do mundo agardan a xaneiro para encetar un novo ano, en Lugo sempre o fixemos en outubro. Co San Froilán empeza para nós unha nova andaina vital e faino da mellor maneira posible, con baile, música, xuntanzas, encontros e troula. Mentres caen as follas resoa a música nas nosas cabezas e as emocións volven a encher os nosos corpos. Grazas ao San Froilán o comezo de curso en Lugo é moito máis levadeiro, é un inicio envolto en arte, en xuntanzas e xantares, en gargalladas e aloumiños. Se cadra, unha vez máis, poderemos aproveitar para nos fornecer de experiencias e vivenzas irrepetibles cos nosos seres queridos. Se podemos facelo, fagámolo, o tempo fuxe mais os recordos perduran e cando precisemos novos azos en momentos malos, pode que consigamos sacar un sorriso grazas a eles.

Din que cada un fala da feira segundo lle foi nela, entón, nos aproveitemos ben o tempo nas nosas festas, non deixemos pasar a oportunidade de fachendear delas. De todas é sabido que as nosas festas son especiais, perfectas, únicas, que para iso son as nosas. Se as vives de verdade, se as gozas, se as compartes, como non van ser as mellores? Pero isto é subxectivo, seino, son plenamente consciente, pero tamén o son de que non hai outra festa de outono que poda competir coa nosa. Ningunha outra é quen de encher o noso fol de azos para un novo traxecto vital, ningunha nos pode preparar para o longo inverno coma o San Froilán. Xa pode vir o frío. Xa pode marchar o sol. Temos as nosas mentes e corpos preparados, as endorfinas enchendo o depósito, unha fervenza hormonal axudando a loitar contra o desánimo, manténdonos no camiño da felicidade. Ese depósito cargámolo no recinto feiral, nas casetas, concertos e actuacións e o máis importante, fixémolo xuntas. Nunha sorte de rebumbio emocional compartido que deixou novos recordos e sensacións gravadas en nós para sempre. Sanfroilanear pode ser placebo ou cura, pero sempre vai sentar ben e vainos axudar a levar mellor o que veña.

E se SanFroilanear nos fai tanto ben, o mellor que podemos facer e receitalo a familiares, amigos, amigas e descoñecidas, a toda aquela persoa disposta a escoitar. Que veñan, que nos vexan na nosa “salsa”, no noso mellor momento. Xa logo, estou convencida de que se convertirán nas nosas mellores prescriptoras, serán o noso altofalante cara ao mundo. Nesta cidade, somos tolerantes, abertas, positivas, é o momento de demostralo, Sanfroilaneando.

Gozemos das festas, da nosa xente e da cidade, agora que está máis fermosa ca nunca, engalanada e disposta para a festa. Sanfroilaneando durante nove días que parecerán centos, e facendo de Lugo o centro do mundo unha vez máis.

Non hai mellor sensación que sanfroilanear, non hai mellor maneira de pasar o tempo que Sanfroilaneando. Boas Festas!

Tareixa Antía Ferreiro Tallón. Concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua.