Elena Candia reivindica o San Froilán como expresión da identidade de Lugo e dunha cidade que «une e reúne»

A alcaldesa destacou no acto do pregón o carácter acolledor da cidade, o coidado das tradicións e do talento local e a convivencia entre a tradición e o carácter moderno e vivo das festas.

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, reivindicou o domingo 4 de outubro, no acto do pregón do San Froilán, o valor das festas como expresión da identidade da cidade e como un espazo de encontro, irmandade e convivencia. Candia subliñou que o San Froilán é unha celebración que «une e reúne», especialmente importante «en tempos difíciles como os que corren». A alcaldesa comezou a súa intervención lembrando a definición de Álvaro Cunqueiro do San Froilán como «as festas máis fermosas do outono galego», unha afirmación coa que dixo coincidir porque se trata dunha festa de irmandade na que «non teñen sitio os muros que algúns queren levantar entre nós».

Unha cidade de portas abertas

Candia destacou que, especialmente durante o San Froilán, Lugo é «unha cidade de portas abertas e acolledora», dinámica pero tamén serena, na que se traballa «con rigor, apertura de miras e optimismo» para afrontar problemas como o da vivenda. A alcaldesa explicou tamén que o programa das festas permite mostrar o modelo de cidade que quere representar Lugo, e puxo en valor a vontade de «buscar pontes e traballar o entendemento con outros territorios». Neste sentido, referiuse expresamente a Ourense, coa que Lugo comparte esa «Galicia de interior» e coa que, segundo sinalou, se poden construír alianzas para alcanzar un futuro mellor. Candia salientou ademais o compromiso co talento local, que se reflicte na presenza da Banda Municipal de Música e das corais no inicio das festas. «Coidar o talento local é unha prioridade», afirmou. A alcaldesa referiuse igualmente ao sector primario e á tradición da feira coa que naceu o San Froilán, e aproveitou ese momento para enviar «unha forte aperta á familia da persoa falecida o ano pasado no desfile de gando», que este ano non se incluíu no programa.

Tradicións que seguen vivas

Os Pelúdez ocuparon un lugar destacado na intervención. Elena Candia puxo en valor o traballo realizado este ano para achegar esta tradición aos máis novos, con visitas a colexios, hospitais e escolas infantís. Ao mesmo tempo, subliñou que o San Froilán representa tamén o carácter moderno e vivo da cidade, a través das orquestras, dos concertos para diferentes gustos e do protagonismo das agrupacións locais e dos pasarrúas.

Sonsoles Ónega, pregoeira

Candia referiuse finalmente á pregoeira, Sonsoles Ónega, a quen definiu como unha xornalista brillante que mantén un vínculo especial con Lugo a través do seu pai, Fernando Ónega, recentemente nomeado Fillo Adoptivo da cidade. A alcaldesa sinalou que o seu pai lle ensinou «o lucensismo, o orgullo lucense e a grandeza da nosa cidade e do noso San Froilán». A alcaldesa pechou a súa intervención cunha invitación á cidadanía: «Desfrutade e sentide estas festas, que son vosas». E expresou o desexo de que os lucenses as gocen tanto como o Goberno municipal gozou traballando na elaboración do programa.

Recepción na Alcaldía

Antes do pregón, Sonsoles Ónega foi recibida na Alcaldía, onde asinou no Libro de Honra da cidade. A pregoeira escribiu: «38 años después de que mi padre Fernando Ónega pregonara o San Froilán cojo el testigo con indisimulada emoción. A vosotros pueblo de Lugo encomiendo mi dicha».