O espectáculo de drons e a Orquestra Panorama protagonizan a noite do luns en San Fiz

O San Froilán despídese cun espectáculo luminoso de drons ás 20:30 horas e a actuación da Panorama ás 21:30 horas, nunha xornada que inclúe tamén a Feira Medieval e propostas para todos os públicos.

O San Froilán chega o luns 12 de outubro á súa última xornada cunha actividade especial en San Fiz, onde ás 20:30 horas terá lugar un espectáculo luminoso con arredor de 500 drons, unha das novidades desta edición. A continuación, ás 21:30 horas, a Orquestra Panorama será a encargada de pechar o programa nun escenario instalado en San Fiz.

Unha xornada chea de propostas

O luns ofrece ademais moitas outras opcións ao longo de todo o día. Desde as 10:30 horas, o adro da Catedral e as rúas da contorna acollerán a Feira Medieval «Volta ao Medievo», con actuacións musicais, desfiles, xogos e outras propostas ata as 22:00 horas. Nos soportais da Casa do Concello poderá visitarse a mostra de Bolboreta Fiandeira, dedicada á recuperación do oficio tradicional do fiado de la e liño.

A programación do día inclúe, entre outras, estas citas:

• 11:00 h: espectáculo familiar «A Voar», de Cé Orquestra Pantasma, na praza Maior.

• Desde o mediodía: pasarrúas dos Picurruchos e da charanga Chafalleiros.

• 12:00 h: Festival Infantil de Cantigas e Frores, no patio do Edificio Administrativo.

• 13:00 h: Orquestra Escaparate, na praza Maior.

• 17:00 a 20:00 h: Festivaliño Xacobeo On the Road, o cine máis pequeno do mundo, na praza da Soidade.

• 18:00 h: Gala Miss Deusa, organizada polo colectivo ALAS, no patio do Edificio Administrativo.

• 18:30 h: Cé Orquestra Pantasma, na praza de Santo Domingo.

• 19:30 h: Orquestra Costa Dorada, na praza Maior.

• 20:00 h: os Picurruchos percorren o recinto histórico, a rúa Nova e a Tinería.

• 20:30 h: espectáculo de drons, en San Fiz.

• 21:00 h: concerto de Xisco Feijóo, na praza de Santa María.

• 21:30 h: Orquestra Panorama, en San Fiz. • 21:30 h: Los Diablos, na Horta do Seminario.