O San Froilán Miúdo reúne 47 propostas para que a infancia e as familias sexan protagonistas das festas

Pica Pica chega á Horta do Seminario co seu «San Froilán Pekes», de balde, nun programa que inclúe tamén espectáculos itinerantes como Diminuts e o Festivaliño Xacobeo On the Road, co cine máis pequeno do mundo, que visitará diferentes barrios da cidade.

O San Froilán Miúdo reúne este ano 47 propostas dirixidas ao público infantil e familiar, nunha programación que combina espectáculos, música, teatro, cine, xogos e actividades creativas para que os nenos e as nenas tamén sexan protagonistas das festas.

Pica Pica, na Horta do Seminario

Unha das principais citas é a de Pica Pica, que o luns 5 de outubro, ás 12:00 horas, chega á Horta do Seminario co seu espectáculo «San Froilán Pekes». A actuación é de balde, unha oportunidade para que o público familiar poida desfrutar en Lugo deste coñecido grupo de música e teatro infantil. Pica Pica é un dos grupos de música e teatro infantil máis seguidos polas nenas e nenos en España e Latinoamérica. Está formado polos actores, bailaríns e pallasos profesionais Nacho Bombín, Emi Bombón e Belén Pelo de Oro. Contan co Premio Botón de Diamante, acumulan miles de millóns de reproducións en YouTube e superan o millón de oíntes mensuais en Spotify. O grupo chega a Lugo cun espectáculo co que fai xiras por España, Arxentina, México, Perú, Colombia, Uruguai e Miami.

Diminuts, teatro itinerante para toda a familia

Outra das propostas destacadas é «Diminuts», da compañía La Fam Teatre, un espectáculo itinerante familiar con dúas sesións o luns 5 de outubro, ás 11:30 e ás 18:30 horas. Ambas saen do patio do Edificio Administrativo do Concello e percorren Bispo Aguirre, a praza Maior e Campo Castelo, transformando as rúas nun espazo de expresión e encontro co público. La Fam Teatre é unha compañía impulsada por un equipo de artistas que busca innovar na escena urbana e converter as rúas en espazos de expresión non convencionais. Conta co Premio MAX ao mellor labor de produción 2025 e co premio ao mellor espectáculo de circo dos Premios das Artes Escénicas Valencianas 2024. En Diminuts, os protagonistas aparecen transportando enormes ferramentas e desprazándose polas rúas cos seus grandes vehículos. Para eles todo perdeu a proporción e as escalas cambiaron, nun universo no que, como explica a sinopse do espectáculo, «nada é o que parece».

O Festivaliño Xacobeo On the Road leva o cine aos barrios

Entre as novidades da programación infantil figura tamén o Festivaliño Xacobeo On the Road, un pequeno gran festival de cine itinerante infantil que chega á cidade na caravana «A caixiña dos mistos». A proposta achega ás nenas e nenos curtametraxes nacionais e internacionais para idades de 0 a 12 anos, con pezas de entre 2 e 20 minutos. O Festivaliño percorrerá diferentes espazos da cidade do 5 ao 12 de outubro:

• Luns 5: praza da Fonte dos Ranchos, de 17:00 a 20:00 horas.

• Martes 6: praza de Augas Férreas, de 17:00 a 20:00 horas.

• Mércores 7 e xoves 8: praza da Soidade.

• Venres 9: praza do Castiñeiro.

• Sábado 10: praza do Agro do Rolo.

• Domingo 11: parque do Sagrado Corazón.

• Luns 12: praza da Soidade.

As localizacións e os horarios completos poden consultarse no programa oficial do San Froilán Miúdo.

Música e obradoiros

A música ten tamén un papel destacado. O martes 6 de outubro, ás 18:30 horas, o patio do Edificio Administrativo do Concello acolle «Parabéns para nós! X Aniversario A Gramola Gominola». O San Froilán Miúdo inclúe ademais o Gran Proxecto da Cidade «Lugo constrúe o San Froilán», un obradoiro de manualidades dirixido pola coach lucense Paula Núñez, dentro das propostas participativas pensadas para a infancia. A programación complétase con actividades de música, teatro, xogos, maxia, danza e creación, entre outras propostas para diferentes idades. Así, o San Froilán Miúdo ofrece ás familias moitas formas de vivir as festas: desde grandes espectáculos e propostas itinerantes ata o cine, a música e actividades nas que os propios nenos e nenas poden participar.