A Corporación Municipal cumpre coa tradicional ofrenda a San Froilán na Catedral de Lugo

Elena Candia presidiu a comitiva municipal, que partiu da Casa do Concello acompañada pola Banda Filarmónica, nunha xornada festiva na que a música e a tradición tamén tomaron as rúas.

A Corporación Municipal de Lugo, presidida pola alcaldesa, Elena Candia, cumpriu o luns 5 de outubro coa tradicional ofrenda a San Froilán, patrón da cidade, unha das tradicións máis vinculadas á celebración desta data.

A comitiva municipal, acompañada por outras autoridades, partiu da Casa do Concello cara á Catedral de Lugo, onde se celebrou o acto relixioso presidido polo bispo da Diocese de Lugo, Alfonso Carrasco Rouco. Durante a celebración realizouse a tradicional ofrenda, que este ano correu a cargo de Adriana López e Candela García, dúas amigas de 7 anos.

Concerto dedicado aos músicos de Lugo

A Banda Filarmónica, dirixida por Martínez Sabio, acompañou a comitiva ata a Catedral e ofreceu despois na praza de Santa María un concerto dedicado aos músicos de Lugo. O recital incluíu un recoñecemento a figuras como Xoán Montes e Manuel López Varela, así como á historia musical da cidade, para lembrar e poñer en valor o legado dos músicos que forman parte da historia de Lugo.

Música e tradición nas rúas

A mañá festiva estendeuse tamén polas rúas da cidade, con pasarrúas, Xigantes e Cabezudos e actuacións de agrupacións musicais en distintos puntos de Lugo, que achegaron o ambiente do San Froilán aos barrios. Os máis pequenos tiveron tamén o seu protagonismo coas propostas do San Froilán Miúdo: a actuación de Pica Pica na Horta do Seminario e o espectáculo itinerante Diminuts, que levou o teatro ás rúas da cidade. Estas actividades forman parte dun programa específico para a infancia e as familias, que inclúe tamén espectáculos, xogos, obradoiros, maxia e o Festivaliño Xacobeo, coa sala de cine máis pequena do mundo.