Lugo e Ferrol estreitan lazos e reivindican mellores comunicacións ferroviarias

Elena Candia e José Manuel Rey Varela coincidiron na importancia de reforzar a colaboración turística e cultural entre ambas as cidades e de avanzar nas conexións ferroviarias.

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, recibiu o sábado 10 de outubro no Concello o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, xunto cunha representación da corporación municipal ferrolá, con motivo do Día de Ferrol no marco do San Froilán. O encontro serviu para estreitar os lazos entre ambas as cidades. Candia defendeu que o irmandamento con Ferrol debe ir máis alá dun acto institucional e traducirse en iniciativas compartidas, especialmente nos ámbitos turístico e cultural. «Queremos que este irmandamento nos permita compartir experiencias con Ferrol e dar unha maior proxección aos recursos culturais e patrimoniais que temos en ambos os municipios», sinalou.

Mellores comunicacións ferroviarias

Co obxectivo de estreitar lazos e favorecer a chegada de visitantes, a alcaldesa puxo o foco na necesidade de mellorar as comunicacións ferroviarias. Candia incidiu en que estar mellor conectados é fundamental para que máis persoas poidan coñecer o patrimonio e a oferta cultural das dúas cidades, pero tamén para favorecer o seu desenvolvemento económico e social. «Lugo e Ferrol teñen moito que ofrecer, pero necesitamos comunicacións que nos permitan estar mellor conectados», destacou. Neste contexto, referiuse á situación da estación intermodal de Lugo, unha infraestrutura que xerou unha gran expectación entre a veciñanza e coa que se agardaba dar un paso adiante nas comunicacións da cidade. Porén, a súa posta en funcionamento continúa pendente e non se coñece unha data concreta de apertura, malia que a inauguración estaba anunciada para o pasado mes de xuño. «A estación intermodal espertou moita ilusión en Lugo. Seguimos as obras coa esperanza de que supuxesen un avance real nas nosas comunicacións, pero pasan os meses e seguimos no mesmo punto», manifestou a rexedora. Candia incidiu en que unha estación non pode ser só un edificio, senón que debe traducirse en mellores servizos, máis frecuencias e unha conexión efectiva coa alta velocidade. Nese sentido, a alcaldesa reclamou información clara sobre os prazos e as melloras ferroviarias previstas, así como compromisos concretos que permitan que esta infraestrutura responda ás expectativas xeradas.

Dúas cidades para vertebrar o norte de Galicia

Pola súa banda, o alcalde de Ferrol destacou a vinculación entre ambas as cidades e a súa capacidade para contribuír ao progreso do norte de Galicia. «Ambas as cidades están chamadas a vertebrar o avance do norte de Galicia, cada unha coa súa personalidade, a súa historia e a súa proxección», sinalou. Rey Varela lembrou tamén que Ferrol conmemora este ano os 300 anos como Departamento Marítimo do Norte. O rexedor ferrolán incidiu nos retos compartidos en materia de comunicacións e crecemento urbano. «Lugo e Ferrol compartimos retos e soños: a mellora das comunicacións territoriais e o crecemento das nosas cidades», manifestou. Neste sentido, reivindicou melloras no transporte de viaxeiros e mercadorías, defendeu a necesidade dun tren que conecte Lugo e Ferrol e reclamou avances para a estación intermodal ferrolá. Ambos os rexedores saudaron os veciños presentes no acto, moitos deles ferroláns que se desprazaron a Lugo para vivir unha xornada festiva. O encontro rematou co intercambio de agasallos institucionais e coa invitación de Rey Varela a Candia para participar na celebración de San Xiao, o vindeiro mes de xaneiro.