O Domingo das Mozas enche Lugo de tradición galega co desfile do traxe e a música popular

O desfile do traxe tradicional, encabezado pola alcaldesa e membros da corporación municipal, e a ofrenda floral a Rosalía de Castro compartiron protagonismo coa XXVIII Mostra de Música Tradicional Galega.

O Domingo das Mozas, unha das xornadas grandes do San Froilán, encheu Lugo o domingo 11 de outubro de tradición e cultura galega, cunha programación que reuniu a exaltación da vestimenta tradicional, a música popular e a homenaxe a Rosalía de Castro.

Desfile do traxe tradicional

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, encabezou xunto con concelleiros da corporación municipal o desfile do traxe tradicional galego, no que participaron integrantes de varias asociacións culturais con prendas representativas de diferentes bisbarras galegas. Candia destacou que «o noso patrimonio cultural ten unha enorme riqueza e forma parte da nosa identidade como galegos e galegas, e así llo debemos transmitir ás futuras xeracións». A alcaldesa agradeceu ás asociacións participantes que compartisen esta riqueza coa cidadanía e permitisen gozar de traxes tradicionais «coidados con tanto mimo». Durante a exhibición, Teresa Astorgano, presidenta do Grupo Etnográfico Traxandaina, explicou que «o Camiño Primitivo e as demais rutas xacobeas tamén deixaron a súa pegada na vestimenta tradicional galega, xa que o paso dos peregrinos trouxo novas influencias, tecidos e bordados que enriqueceron os traxes, nun encontro entre historia, tradición e cultura que hoxe seguimos celebrando con orgullo». No desfile participaron a Asociación do Camiño Primitivo de Baleira, a Asociación Cultural Peleriños de Sarria, Airiños de Orbazai, Amigos do Camiño e o Grupo Etnográfico Traxandaina. A presenza destas entidades vinculou a tradición da vestimenta galega co Camiño, nunha xornada dedicada a celebrar as raíces e a identidade propias. Tras a exhibición dos traxes na praza Maior, o desfile percorreu as rúas ata o parque Rosalía de Castro. Alí celebrouse a tradicional ofrenda floral diante da figura da escritora, a cargo de Sandra Piñeiro, presidenta da Audiencia Provincial de Lugo.

A música tradicional encheu as rúas e prazas

Paralelamente ao desfile, a XXVIII Mostra de Música Tradicional Galega levou a música popular ao casco histórico durante a mañá e a tarde. Organizada pola Asociación de Gaiteir@s Galeg@s, a cita reuniu unha decena de formacións co obxectivo de difundir e exaltar a música tradicional galega e achegala á cidadanía. Os pasarrúas celebráronse de 11:30 a 14:00 horas e de 17:00 a 18:00 horas. Pola mañá, os grupos saíron da Mosqueira e percorreron diferentes rúas e prazas do recinto amurallado ata rematar na praza Maior. Pola tarde retomaron as actuacións de rúa, que deron paso aos concertos na praza de Santa María. Na mostra participaron Arume de Boiro, Axeigo, Lembranzas do Tambre, Lubicáns, Os Mersenarios, Os Mecos de Ogrobe, Pandeireteiros de Cantigas e Frores, Turoqva, Xente Nova de Ferrol e Zanfoneiros da Tradescola. A programación musical completouse na praza de Santa María cos concertos de Bouba Pandeireteiras, ás 18:30 horas, e Os Carunchos, ás 20:00 horas. A música e a vestimenta tradicional volveron compartir protagonismo nunha das grandes citas do San Froilán, nunha xornada que puxo en valor a riqueza da cultura galega e a importancia de manter vivas as tradicións para as futuras xeracións.