Bando da Alcaldía sobre o San Froilán 2017

Fago saber:

O Concello de Lugo, empeñado en reducir ao mínimo as molestias que a celebración do San Froilán lles puidese causar ás e aos residentes na zona festiva e na cidade en xeral, adopta un conxunto de medidas que, postas en práctica nos últimos anos, deron resultados moi positivos e fan que as nosas festas, conservando integramente a súa forza e alegría, respecten a comodidade de todas as persoas, e moi especialmente daquelas que por diversas razóns teñen máis necesidade de descanso e tranquilidade.

  • Así pois, o ruído das atraccións reducirase dende as 22:00 ata as 08:00 horas de cada día das festas para evitar molestias ás veciñas e aos veciños residentes na zona, e na intensidade fixada pola Ordenanza xeral municipal reguladora da contaminación acústica, coa excepción dos días 4, 5, 7 e 8 de outubro, nos que o volume das atraccións feirais se reducirá a partir das 24:00 horas.
  • Así mesmo, cumpriranse rigorosamente as medidas de control establecidas nos anos anteriores, e garantirase o acceso ás vivendas e aos garaxes da zona, así como a todos os edificios públicos situados no recinto feiral.
  • O servizo de limpeza será reforzado para manter a zona feiral nas debidas condicións de salubridade e hixiene.
  • Reforzarase tamén a frecuencia e densidade da monitoraxe de ruídos por parte da Policía Local e a súa dotación de sonómetros.
  • Instalarase unha caseta da Policía Local no recinto feiral para atender calquera demanda cidadá.
  • A Policía Local dispoñerá nas inmediacións do recinto dun guindastre para corrixir con dilixencia as ocupacións indebidas e garantir especialmente o respecto dos pasos de carruaxes.
  • Crearanse catro zonas de aparcadoiro situadas nas inmediacións das principais vías de acceso á cidade (dúas na rúa Campos Novos, unha nas Termas e outra no polígono de San Fiz), con liñas especiais de autobuses que as comunicarán co recinto feiral (máis información en www.lugo.gal e www.sanfroilan.info).

Rogámoslles ás nosas amigas e amigos feirantes que cumpran escrupulosamente a parte dispositiva deste bando, de xeito que entre todas e todos logremos harmonizar os diversos intereses da cidadanía, mellorando así cada vez máis as festas do San Froilán de Lugo.

A elas e a eles, á cidadanía de Lugo, a todas as persoas que nos visitan nestes días, os nosos mellores desexos de saúde e alegría.

 

Lugo, 1 de outubro de 2017

A  ALCALDESA,

Asdo.: Lara Méndez López