Rubén Arroxo e Maite Ferreiro presentan cos grupos de Lugo o programa do San Froilán 2025
A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou o programa do San Froilán 2025, que se celebrarán entre o 4 e o 12 de outubro, cunha representación das agrupacións e artistas lucenses que actuarán durante as festas.
Ferreiro destacou que “volve a gran festa do outono galego, con preto de 200 actividades, máis de 100 delas musicais, nas que todas as veciñas e veciños atoparán propostas do seu gusto”. A concelleira subliñou que “as agrupacións locais terán un papel protagonista, con máis de 50 grupos de Lugo, e combinamos esa presenza coa música de primeiro nivel de artistas recoñecidos en Galiza e no mundo”.
Entre os concertos máis destacados estarán Tanxugueiras, Xoel López, Cristina Branco, Guadi Galego, Uxía, El Consorcio, Dakidarría, Pony Pisador, Queralt Lahoz, Lucía Pérez ou Lía Kali, entre outros. Ferreiro engadiu que “queremos que o San Froilán sexa tamén un escaparate para as nosas creadoras e creadores, ofrecendo un espazo no que a música feita en Lugo sexa protagonista xunto a artistas de referencia”.
A programación mantén o seu compromiso coa tradición galega, cun peso fundamental para o Desfile do Gando, o XXII Festival de Cultura Tradicional de Cántigas e Frores, a XXVII Mostra de Música Tradicional Galega do Domingo das Mozas organizada pola Asociación de Gaiteiros Galegos e a 53ª edición do Desfile do Traxe Galego. “Como administración, é o noso deber traballar na conservación e promoción dos nosos elementos culturais máis relevantes, porque son a base da nosa identidade como pobo”, afirmou a concelleira.
Ferreiro tamén sinalou que “o San Froilán é a festa máis importante do outono galego, a festa de todas e todos, e queremos que Lugo sexa durante estes días o epicentro cultural de Galiza”. E engadiu: “apostamos por unhas festas abertas, diversas e participativas, que mesturan tradición e modernidade, que chegan a todos os barrios e que melloran a vida cultural da cidade”.
O San Froilán Miúdo ofrecerá espectáculos de circo, maxia, xogos e obradoiros tanto na carpa do Seminario como nas rúas da cidade, con compañías como Paporrubio, La Finestra, Troula, Teatro ao Cubo ou Ghazafelhos. Xunto a isto, haberá Expolugo con razas autóctonas galegas, feiras artesás, de mel, de olería e antigüidades, actividades deportivas e verbenas que completan un programa pensado para todos os públicos.
Finalmente, Maite Ferreiro informou de que “o programa completo do San Froilán 2025 estará dispoñible en papel e tamén nas redes sociais e web nos próximos días, para que toda a cidadanía poida consultar a programación ao detalle”.