O San Froilán máis social. Información de interese.
A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, explicou que a edición 2025 do San Froilán volverá contar con iniciativas para distintos colectivos, "para facilitar que todas e todos poidamos desfrutar das festas". Así, un ano máis contarase coa hora sen ruídos no Recinto Feiral, todos os días entre as 17 e as 18 horas, "para que as persoas con TEA poidan gozar da Gran Festa do outono galego en igualdade".
Ademáis, en colaboración coa asociación RAIOLAS, tamén haberá cascos antiruído, que se poderán retirar e devolver na caseta de turismo que hai na Praza Maior.
Todos os espazos onde se van celebrar as actuacións de San Froilán terán un espazo reservado para persoas con mobilidade reducida, e o recinto feiral contará cunha caseta de lactancia, ubicada a carón da caseta do comisariado do Recinto Feiral, con espazos habilitados para a lactancia e cambiadores de cueiros, que estará xestionada pola asociación Bico de Leite.
Ademais, Maite Ferreiro anunciou a colaboración do colectivo de taxistas na prevención e atención ou detección de posibles comportamentos anómalos ou situacións de risco nas rúas, atender ás vítima e, se é preciso, contactar cos servicios pertinentes, e anunciou que se habilitará un punto violeta os días 4, 5, 10, 11 e 12 de outubro entre as 21:00 h e as 02:00 h na praza de Fernando de Casas Novoa, ao fondo da Praza Maior.