Presentación: O Polbo no San Froilán de Lugo
Presentación do novo libro da colección San Froilán dos Devanceiros, O Polbo No San Froilán de Lugo por Teresa Pena Moreda e Fernando Arribas Arias no Auditorio do Vello Cárcere hoxe 6 de outubro ás 20:00 h.
Teresa Pena Moreda licenciada en Xeografía e Historia, ocupa, dende o ano 1994, o posto de directora da Biblioteca Municipal de Lugo. É autora ademais de diversas publicacións sobre aspectos da promoción turística lucense e sobre historia da cerámica, entre as que cómpre destacar o seu libro Cerámica de Sargadelos 1901-1908, no que se dá a coñecer un período inédito nesta fábrica. Xunto con Fernando Arribas realizou tamén o libro desta colección A publicidade nas festas de San Froilán de Lugo: carteis e programas, 1877-2011.
Fernando Arribas Arias doutor pola USC, Licenciado en Humanidades, Profesor de EXB, dedícase fundamentalmente á etnografía (é coautor de oito libros sobre cruceiros e, na actualidade, está catalogando os da Ribeira Sacra e do concello de Lugo) e á historia do cine (ten publicados O cine en Lugo 1897-1977. Notas para unha historia cinematográfica e O cinematógrafo nas festas de San Froilán de Lugo:1898-1930) sen esquecer outros temas de investigación relacionados principalmente coa historia e arte da nosa provincia, así como tamén dos fondos do Museo Provincial de Lugo, onde desenvolve a súa actividade profesional
PRESENTACIÓN
Este libro facíanos moita falta. O polbo é dende hai bastante máis dun século unha parte fundamental das feiras e das festas do San Froilán de Lugo, e constitúe un dos máis fortes sinais de identidade destas que Álvaro Cunqueiro –gran comedor de “pulpo e outras cousas finas”, para dicilo coas palabras dunha canción de Faustino Santalices– deixou definidas como “as festas máis fermosas do outono galaico”.
É verdade que non todas as persoas que andan polo San Froilán comen o polbo: algunhas, moi poucas, porque non lles sabe ou non lles presta, outras porque renuncian a el en nome dos seus principios vexetarianos. Pero aínda así, o polbo está no aire do San Froilán que todos respiramos, tanto dunha maneira simbólica como puramente olfactiva, pois hai que recoñecer que o seu cheiro é ben potente e característico. Mesmo nos tempos de hoxe, nos que a hixiene se impuxo felizmente e nos que o recendo non chega a ser aquel cheirume antigo que neste libro se evoca tamén, os efluvios do ilustre cefalópodo alcanzan as nosas pituitarias e a miúdo suscitan a salivación e incitan á gula que se practica multitudinariamente nas espléndidas casetas das Costas do Parque, e tamén nas ducias e ducias de tabernas e restaurantes que contribúen a que outubro sexa en Lugo un Mes do Polbo non declarado –aínda– oficialmente.
E canta historia, cantas historias, hai detrás desta realidade presente. Historias que circulan oralmente, historias que están nas hemerotecas e nos arquivos, e que hoxe temos sintetizadas e organizadas nestas páxinas, lector, que tes por fin nas mans. Por iso lles agradecemos moito a Teresa Pena Moreda e a Fernando Arribas Arias, que xa iluminaron outros aspectos da historia do San Froilán de Lugo con outros libros publicados nesta colección, o inxente traballo que emprenderon hai xa moitos anos, que nos dous últimos lles ocupou gran número de horas, e que hoxe calla nesta obra necesaria, que ademais ofrece –e non é cousa secundaria nin menos agradable– unha espléndida colección fotográfica.
Carmen Basadre Vázquez
Concelleira de Cultura, Turismo,
Xuventude e Promoción da Lingua