Carmen Basadre confirma os primeiros artistas para o San Froilán 2018: Rozalén, Hombres G e SonDeSeu

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, anunciou este xoves os primeiros nomes para o San Froilán 2018, que contará no seu cartel coa cantautora e compositora Rozalén, unha artista cunha importante actividade social, que defende coa súa música os dereitos das minoría; e a banda de pop rock Hombres G. A orquestra de música folk e tradicional SonDeSeu, considerada a primeira destas características de Galicia tamén formará parte da programación das festas patronais deste ano, declaradas de Interese Turtístico Galego e Nacional.

Fíxoo tras a reunión da Comisión de Festas, que se celebrou no Salón de Comisión da Casa Consistorial, na que a edil tamén avanzou as datas do recinto feiral, do 3 ao 14 de outubro, sendo o sábado 13 e domingo 14 os días especiais para os nenos e nenas; e as datas de apertura das casetas do polbo, do 3 de outubro ao 4 de novembro. O feiral poderá comezar a montar a partir do 29 de setembro.

Entre outros asuntos, na xuntanza tamén se falou de fixar unha data para o asentamento das caravanas dos feirantes en Garabolos. Así mesmo, emprazouse á seguinte reunión para a proposta de pregoeiro ou pregoeira e oferente a Rosalía de Castro.