A ofrenda a Rosalía correrá a cargo da artesá Marga Portomeñe e da escritora Ana Carreira Varela

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presidiu unha nova xuntanza da Comisión de Festas, onde se valoraron os avances avances realizados de cara á organización do San Froilán 2024.
 
Maite Ferreiro anunciou que a comisión de festas aprobou que a artista multidisciplinar Luz Darriba sexa a pregoeira desta edición das festas e a ofrenda a Rosalía correrá a cargo da artesá Marga Portomeñe e da escritora Ana Carreira, "tres mulleres representantes da importancia de Lugo na actualidade da cultura galega". 
 
 
Marga Portomeñe comezou a súa carreira artística no teatro, participando como actriz, docente ou deseñadora de vestirario. O seu interese polas marionetas fíxoa anotarse a un curso impartido por Marcelino de Santiago "Kukas", onde aprendeu técnicas de construcción de máscaras, figuras ou cabezudos. É especialista en restauración e construcción de xigantes e cabezudos, utilizando a antiga técnica dos mestres falleiros e incluíndo tamén o deseño e confección de vestiario. No seu taller de artesanía, Portomeñekos, crea figuras artesanais aproveitando materiais reciclados, realizando encargos personalizados segundo cada cliente.
 
Ana Carreira nace en Lugo en 1968. Graduada en Arte Dramática pola ESAD de Galiza, é dramaturga, narradora oral e actriz. Traballou como dramaturga para compañías como Vía 6, Limiar, Il Maquinario, Galeatro, Ítaca, Centro Dramático Galego e Ubú teatro. Como narradora oral percorre bibliotecas, centros escolares, e calquera lugar onde se acollan contos. É actriz en Pínconus e Ubú Teatro. Acadou o IV Premio Varela Buxán de dramaturxia pola peza «Un intre antes do solpor» e o XII premio Manuel María de literatura infantil pola peza «Nin me amoles» (Xerais, 2023).