Maite Ferreiro: "o San Froilán 2024 volveu ser a gran festa do outono galego"

A edil de Cultura, Maite Ferreiro, fixo balance das festas do San Froilán unha vez rematadas as 200 actividades que deron forma ao programa. Ferreiro indicou que "malia que o recinto feiral continúa aberto na xornada de hoxe, xa podemos dicir que todas as persoas que participaron destas festas puideron sentiron seu o San Froilán".
 
Ferreiro destacou que a asistencia de público ás distintas actividades foi "máis que satisfactoria", e destacou a importancia non só dos múltiples concertos que ateigaron as prazas Horta do Seminario, Santa María e Mosqueira, senon tamén "a animación de rúa e as actividades nos barrios que nos axudaron a conseguir o obxectivo de que todas as persoas que viven en Lugo ou nos visitan sentisen que as festas eran súas, e que a nosa veciñanza se sentise orgullosa de ser de Lugo" afirmou Maite Ferreiro.
 
A concelleira aproveitou para facer un especial agradecemento a todas as persoas, empresas e colectivos que dun xeito ou outro participaron na organización das festas, facendo especial mención aos diferentes departamentos e persoal do concello que "nestes días traballaron de xeito continuado para que as festas fosen un éxito como foi o caso do persoal de cultura, policía local, bombeiros ou o servizo de limpeza".
 
Maite Ferreiro salientou "logrouse que Lugo siga tendo orgullo das súas festas e o San Froilán demostrou ser, de novo, a gran festa do outono galego". Con 200 actividades programadas e a participación duns 50 grupos locais a animación de rúa foi protagonista deste San Froilán.
Ferreiro destacou a participación de colectivos e asociacións que programaron eventos encadrados no programa de festas e a grande participación dos máis pequenos nas 20 actuacións que completaban o programa do San Froilán Miudo ou as múltiples actividades deportivas vencelladas ás datas das festas. O desfile de gando e a celebración de ExpoLugo ou a presenza do Mago Antón e os espectáculos de rúa xunto coa volta do desfile do traxe tradicional que celebrou o seu 52 aniversario, xunto coa exhibición de atletismo Saltar na rúa, coa que o club de atletismo Lucus Caixa Rural Galega celebrou o seu 40ª aniversario foron parte dos atractivos da festa.