Maite Ferreiro, presentou o cartaz do San Froilán 2025, elaborado polo artista lucense Iván Mouronte

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou o cartaz do San Froilán 2025, elaborado polo artista lucense Iván Mouronte. Ferreiro destacou a importancia do cartaz das festas deste ano "elaborado por primeira vez por un veciño de Lugo profesional da ilustración, grazas á colaboración da Tenencia de Alcaldía coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración". A edil de Cultura anunciou que o pregón será o 4 de outubro ás 12 da mañá "para dar comezo ás festas xa na mañá do sábado" e dixo que nos vindeiros días "publicaremos o programa das festas".

Maite Ferreiro explicou que "seguimos a traballar na profesionalización das festas máis importantes de Lugo, facendo que a partir de agora, cada ano unha lucense profesional da ilustración elabora o cartaz das festas". Ferreiro afirmou que "estamos vendo como moitas festas que seguían o modelo de concurso están a ter que modificar os carteis debido ao uso de ferramentas como a Intelixencia Artificial", e engadiu "con esta medida queremos promocionar o traballo das profesionais da ilustración de Lugo, dando a súa propia visión ás nosas festas".

A concelleira de Cultura agradeceu a Iván Mouronte o traballo realizado e afirmou que "é un orgullo que sexan as e os artistas de Lugo as que den imaxe ás nosas festas máis importantes, a gran festa do outono galego".

Iván Mouronte destacou que a súa obra conta con algúns dos protagonistas das festas literalmente enriba do escenario, mentres que os outros protagonistas somos os que desfrutamos delas: músicos, polbo, churros, artesanía ou atraccións forman xa parte da tradición, pero hai tamén unha certa mirada que vai máis aló, posta no futuro.

Outono e á tardiña, nesa hora máxica que permite desfrutar das festas á luz do día e á luz da noite, ás luces da noite. Ás moitas luces que lle dan vida ó San Froilán: as colocadas pola cidade, as das barracas e atraccións mailas dos concertos. E música, o San Froilán tamén é moita música. Moitas músicas, tradicionais e contemporáneas.

https://imouronte.com/