"Barracas" é o cartaz do San Froilán Miúdo 2025

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, asistiu á xuntanza do xurado que escolleu o cartaz do San Froilán Miúdo 2025. Irene Huéscar Villapún, de 11 anos, foi escollida como gañadora entre os 14 participantes, e recibirá un premio de 300€. O xurado estivo composto por Marga Portomeñe Pérez, profesional do mundo das artes escénicas, actriz e representante de ASOLUA; Eduardo Rodríguez Ochoa, fotógrafo; e Iván Mouronte, deseñador gráfico e profesional do mundo da animación e da ilustración.

Ferreiro lembrou que "o San Froilán Miúdo contará este ano cunha completa programación para toda a familia, con actividades de rúa e na carpa do Seminario, achegando a Lugo os mellores espectáculos do panorama galego, estatal e internacional".

A carpa do San Froilán Miúdo, que se instalará no aparcadoiro do Seminario, contará con espectáculos como "Pocket Loop" da Compañía StopStoi, "Tranvía Nº12" de la Finestra, "Crunch 2" de Muu, "Humanus Comicus" de Mondo Costrini, "Gran Sonata" de Le Pluant, "De Vilatriste a Vilalegre" de Teatro ao cubo, "Historias para escagarriñarse" de Teatro Ghazafelhos, ou o tradicional "Festival Infantil de Cántigas e frores". Todos os días ás 18.30h terá lugar unha actuación na carpa, mentres que os días 5, 6, 11 e 12 de outubro, os nenos e nenas poderán gozar de xogos de 11.30h a 14h e de 16h a 18h.

O ambiente festivo expandirase polas rúas do Recinto Histórico grazas aos espectáculos itinerantes: "Pilots" de La Finestra (Premio Fetén 2025 ao mellor espectáculo itinerante de rúa), "Circo Krasnovorak" de Troula, "Rum rum" e "Transhumancia", ambos de Xip xap teatre. Outras actuacións de rúa, pensadas para o público familiar, animarán as tardes da semana durante as festas, ampliando así o abano de propostas lúdicas.

"Seguimos traballando para que o San Froilán deste ano volva ser a gran festa do outono galego, cunha programación diversa e de calidade, pensada para todas as idades e que contribúe a potenciar a cultura e o lecer en Galiza", afirmou Maite Ferreiro.