A iluminación decorativa do San Froilán acenderase este venres
O Concello activará ás 20:30 horas unha iluminación formada por 250 elementos e arredor de 830.898 microleds, cunha presenza destacada do polbo e novidades como unha gran portada con paneis luminosos programables na entrada do recinto feiral, na avenida Rodríguez Mourelo.
A iluminación decorativa do San Froilán 2026 acenderase este venres, 2 de outubro, ás 20:30 horas, dous días antes do inicio oficial das festas, co obxectivo de comezar a ambientar a cidade. Este ano contará cun total de 250 elementos luminosos, que incorporan arredor de 830.898 microleds.
O polbo, gran protagonista
O polbo, un dos grandes reclamos do San Froilán e estreitamente vinculado á súa vertente gastronómica, terá este ano unha presenza destacada na iluminación das festas. Na Mosqueira instalarase un rótulo de chan en tres dimensións co texto «San Froilán», acompañado da figura dun polbo. O mesmo motivo estará presente na fachada do Concello, onde se colocará un rótulo co texto «San Froilán» e un deseño inspirado tamén no polbo, neste caso en dúas dimensións.
Unha gran portada con paneis luminosos programables
Entre os 250 elementos luminosos inclúense as tradicionais arcadas que forman parte da decoración do San Froilán. Como novidade desta edición, na entrada do recinto feiral, na avenida Rodríguez Mourelo, instalarase un elemento de gran porte tipo portada, equipado con paneis luminosos programables. Estes paneis permitirán mostrar diferentes composicións luminosas e ofrecer información sobre os concertos e as actividades das festas.
Novos materiais e impresión 3D
A iluminación deste ano incorpora tamén novidades nos procesos de fabricación, coa introdución de estruturas realizadas con material plástico reciclado. Estes elementos poden fabricarse en diferentes cores e acabados, polo que a súa función decorativa non se limita ás horas nocturnas. Durante o día, as propias estruturas, coas súas formas e cores, contribúen á ambientación festiva das rúas, e pola noite intégranse coa iluminación.



