Lugo celebra a XXXIII Feira do Mel, que este ano amplía a súa duración a tres días
A praza de Santo Domingo acollerá do 3 ao 5 de outubro 15 expositores por xornada, catas de mel e obradoiros para todos os públicos.
A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, e a concelleira de Industria e Mercados, Silvia Colmenero, presentaron a XXXIII Feira do Mel de Lugo, que se celebrará do 3 ao 5 de outubro na praza de Santo Domingo, dentro da programación do San Froilán. Na presentación participaron tamén representantes da Asociación Provincial Lucense de Apicultores (APLA) e de Mel de Galicia: o secretario, José Manuel Fernández Sande, e o vocal Carlos Díaz. A alcaldesa destacou a importancia de manter esta cita dentro do programa do San Froilán e de achegar á cidadanía un produto tan próximo e presente nos fogares lucenses como o mel, dando tamén visibilidade ao traballo dos produtores. A feira, que este ano amplía a súa duración a tres días, abrirá cada día de 11:00 a 21:00 horas, con 15 expositores por xornada e unha programación pensada para que lucenses e visitantes de todas as idades poidan coñecer os produtos e participar nas actividades.
Catas de mel e obradoiros para toda a familia
Cada mañá, ás 12:30 horas, haberá unha cata de mel dirixida a toda a familia. As tardes estarán dedicadas aos obradoiros:
• Sábado 3, 18:30 h: obradoiro de velas aromáticas.
• Domingo 4, 18:30 h: obradoiro de cremas e ungüentos para o corpo.
• Luns 5, 16:30 h: obradoiro de globoflexia, con motivo do Día do Neno na feira.
• Luns 5, 18:30 h: obradoiro de extracción de mel e envasado.
Todas as actividades contarán con 20 prazas por orde de chegada. As catas e os obradoiros están dirixidos a toda a familia, e o de extracción de mel e envasado está aberto a todos os públicos. A alcaldesa animou a cidadanía a achegarse á praza de Santo Domingo, participar nas actividades e aproveitar estes tres días para coñecer, probar e mercar o mel e os produtos dos expositores.
A XXXIII Feira do Mel de Lugo está organizada polo Concello de Lugo, coa colaboración da Asociación Provincial Lucense de Apicultores (APLA) e Mel de Galicia.



