Lugo reforza o dispositivo de limpeza do San Froilán con máis medios e persoal nas zonas de maior afluencia
O servizo contará con 16 persoas de reforzo, cinco barredoras de beirarrúas eléctricas, tres barredoras de calzadas e tres camións cisterna de rega e baldeo, entre outros medios.
O Concello de Lugo reforzará o dispositivo de limpeza viaria durante o San Froilán con medios materiais e persoal adicionais. O operativo estará activo do 3 ao 12 de outubro para dar cobertura ás distintas actividades e manter a cidade en óptimas condicións de limpeza durante as festas. Nos días previos, Ecolugo está a realizar traballos intensivos de desbroce, baldeo e fregado nas rúas e prazas da cidade e nas explanadas onde se instalarán as carpas e as atraccións feirais. Tamén se limparon reixas e sumidoiros, substituíronse contedores de carga lateral por outros de carga traseira nas zonas que o requiren, para facilitar a recollida, e elimináronse pintadas e grafitis na zona das pulpeiras e no seu contorno.
Máis medios nos días de maior afluencia
Todos os servizos de limpeza viaria reforzaranse durante as festas, especialmente os días 3, 4, 5, 10, 11 e 12 de outubro, coincidindo coas xornadas de maior afluencia. Para eses días está previsto o seguinte dispositivo:
• 3 barredoras de calzadas a GNC.
• 5 barredoras de beirarrúas 100 % eléctricas.
• 3 camións cisterna de rega e baldeo mixto a GNC.
• 2 camións tipo satélite para recoller os residuos das zonas de actos e dar cobertura ás zonas de botellón.
• 2 hidrolimpadoras 100 % eléctricas.
• 16 persoas de reforzo nas tarefas de limpeza viaria.
Equipos específicos para as zonas con máis actividade
Un furgón eléctrico con dúas peoas equipadas con sopradoras eléctricas actuará na zona centro, nas zonas de concertos da praza da Mosqueira e nas prazas do Campo Castelo, Maior, Santa María e Horta do Seminario. Este equipo cubrirá tamén os espectáculos da carpa do Seminario, onde se celebra o San Froilán Miúdo. Outro equipo, formado por un furgón eléctrico e tres operarios con sopradoras eléctricas e outras ferramentas, encargarase das zonas de botellón próximas ao recinto feiral, do propio recinto, da zona das pulpeiras e das costas e rúas do parque onde se sitúan as barracas. Ademais, un equipo de cinco peóns e peoas reforzará o varrido manual nas zonas de máxima actividade e movemento de persoas, e poderá desprazarse en triciclos e vehículos eléctricos auxiliares.
Reforzo da recollida de residuos
A recollida de residuos contará con dous camións recolectores de carga traseira. Un deles, cun condutor e dous peóns, adiantará o inicio da súa xornada ás 06:00 horas para actuar na zona centro e nos lugares onde se celebren concertos e actuacións, e dar servizo aos establecementos de hostalería con horario ampliado. O segundo, cun condutor e un peón, recollerá a fracción orgánica das casetas. Pola tarde, ademais do repaso ordinario da zona centro, dúas operarias en triciclos eléctricos reforzarán a limpeza na zona das casetas e das barracas, especialmente para baleirar de forma permanente as papeleiras. Na zona centro, os contedores de «quita e pon» permanecerán instalados do 3 ao 12 de outubro e incrementarase o seu número. O dispositivo estenderase tamén aos eventos deportivos, exposicións e outros actos incluídos no programa das festas.
Equipos eléctricos para reducir o ruído
Nas tarefas de limpeza utilizaranse tamén equipos eléctricos, como desbrozadoras de man, sopradoras, triciclos e vehículos auxiliares. Estes medios facilitan os desprazamentos entre as zonas de traballo e a recollida de residuos nos espazos onde se celebran actos do San Froilán, e contribúen a reducir o ruído para veciños e visitantes. Os equipos cubrirán ademais os percorridos dos pasarrúas e outras actuacións, como concertos, verbenas e exposicións, nos distintos barrios da cidade: Milagrosa, Recatelo, Sagrado Corazón, As Gándaras, Barrio da Ponte, avenida da Coruña, Piringalla, Albeiros, Augas Férreas e praza da Mosqueira, entre outros. Para garantir a coordinación dos traballos, os mandos intermedios da empresa, unha encargada xeral e catro capataces, estarán dispoñibles de forma permanente nos tres turnos de mañá, tarde e noite para atender calquera eventualidade e responder de maneira inmediata.



