O Concello incorpora por primeira vez ao San Froilán módulos de aseo atendidos, con máis espazo e prestacións
Os catro novos módulos, de uso gratuíto, contan con aseos adaptados e, en dous casos, con cambiabebés e quentabiberóns. O dispositivo complétase con 32 cabinas sanitarias convencionais.
O Concello de Lugo incorpora por primeira vez ao San Froilán catro módulos de aseos atendidos e de uso gratuíto, unha novidade que permitirá contar durante as festas con espazos de maiores dimensións e con máis prestacións que as cabinas sanitarias convencionais. Os novos módulos dispoñen de aseos diferenciados para homes e mulleres, aseos adaptados para persoas con diversidade funcional e, en dous deles, cambiabebés e quentabiberóns. Ademais, estarán atendidos por persoal encargado da limpeza e da desinfección durante o seu funcionamento.
Onde estarán os módulos
• García Portela, preto da noria (módulo tipo A): tres inodoros, dous lavabos e un urinario na zona de homes; seis inodoros e dous lavabos na zona de mulleres; un inodoro adaptado con rampla, cambiabebés e quentabiberóns.
• Contorna da praza Horta do Seminario: módulo duns 7,5 metros, con tres lavabos compartidos, cinco inodoros para mulleres, cinco para homes e un aseo completo adaptado.
• Costas do Parque, segundo bancal (zona do Pavillón Municipal de Deportes): módulo duns 7,5 metros, con tres inodoros e dous lavabos para mulleres, tres inodoros e dous lavabos para homes e un aseo completo adaptado. O 12 de outubro trasladarase á zona de San Fiz para a verbena.
• San Fiz, o 12 de outubro: un cuarto módulo específico, con tres inodoros, dous lavabos e un urinario na zona de homes; cinco inodoros e dous lavabos na zona de mulleres, e un aseo adaptado con rampla, cambiabebés e quentabiberóns.
Horarios adaptados ás xornadas de maior actividade
Os módulos atendidos funcionarán en diferentes horarios segundo a xornada:
• 4, 9, 10 e 11 de outubro: de 12:00 a 01:00 horas.
• 5 e 12 de outubro: de 12:00 a 23:00 horas.
• 6, 7 e 8 de outubro: de 17:00 a 23:00 horas.
En San Fiz, o 12 de outubro, os módulos estarán operativos na zona das orquestras entre as 19:00 e as 24:00 horas.
32 cabinas sanitarias convencionais completan o dispositivo
A estes módulos súmanse 32 cabinas sanitarias convencionais, repartidas entre o recinto feiral e os espazos de concertos e actividades. No recinto feiral instalaranse 18 cabinas, distribuídas entre Rodríguez Mourelo, Puro Cora, o parque Rosalía de Castro, Vila de Foz, a lonxa do Pavillón e o Camiño das Costas.
Parte delas estarán adaptadas para persoas con mobilidade reducida. As outras 14 cabinas situaranse na praza Horta do Seminario, no patio do Edificio Administrativo do Concello, na praza de Santa María, na praza de Santo Domingo, na praza da Soidade e na rúa Luis Peña Novo.
Así, o San Froilán contará este ano cunha combinación de cabinas sanitarias repartidas polos diferentes espazos das festas e de módulos con máis espazo e prestacións, que incorporan por primeira vez este tipo de servizo ás festas.



