O Concello pon en valor a implicación das agrupacións locais no San Froilán

Representantes das formacións e colectivos que participan na programación das festas reuníronse diante da Casa do Concello nunha foto de familia coa alcaldesa, Elena Candia.

Representantes de diferentes agrupacións, formacións e colectivos locais que participarán na programación do San Froilán 2026 reuníronse diante da Casa do Concello nunha foto de familia coa que o Concello de Lugo quixo poñer en valor o seu traballo e a súa implicación na celebración das festas da cidade.

A alcaldesa, Elena Candia, agradeceulles a súa contribución á vida cultural de Lugo ao longo de todo o ano e, especialmente, o seu compromiso co San Froilán, unha celebración que se constrúe coa participación da propia cidade: «O San Froilán é patrimonio inmaterial de Lugo e é así grazas ao traballo de moitas persoas, agrupacións e colectivos que durante todo o ano manteñen viva a nosa cultura e que, cando chegan as festas, se implican e participan para facelas posibles».

«O San Froilán non o fai só o Concello»

Candia subliñou que «o San Froilán non o fai só o Concello», senón que é unha festa que cobra sentido coa participación de toda a cidade: «Queremos un San Froilán para todos e iso significa tamén contar coas agrupacións e colectivos de Lugo, que son unha parte fundamental das nosas festas. Queremos agradecerlles a súa colaboración e a súa implicación, porque detrás de cada proposta hai moito traballo e moitas horas dedicadas á cultura».

Casetas do polbo e barracas, xa abertas

O ambiente do San Froilán xa se percibe na cidade. Desde o sábado 26 de setembro, as casetas do polbo e as barracas do recinto feiral están abertas, e permanecerán así ata o 1 de novembro. As festas celebraranse do 4 ao 12 de outubro, e todos os horarios están no programa do San Froilán 2026.