O Concello reforza o autobús urbano durante o San Froilán, con liñas ata as 3:00 da madrugada
As liñas 1.2, 1.4, 9/12 e 10/13 ampliarán o seu horario os días 3, 4, 5, 9, 10, 11 e 12 de outubro para facilitar os desprazamentos durante as festas.
O Concello de Lugo reforzará o servizo de transporte urbano con motivo do San Froilán, co obxectivo de facilitar os desprazamentos da veciñanza durante as festas. O reforzo estará operativo os días 3, 4, 5, 9, 10, 11 e 12 de outubro e ampliará o horario de catro liñas, que prolongarán os seus servizos ata arredor das 3:00 horas da madrugada, segundo o percorrido. Os días 5 e 12 de outubro, festivos, o servizo rematará á 1:00 hora do día seguinte, para facilitar os desprazamentos ao remate das actividades programadas nesas xornadas. O reforzo realizarao a empresa concesionaria, Monbus, e os quilómetros adicionais imputaranse ao paquete anual previsto no contrato, sen custo para o Concello.
Horarios ampliados por liña
• Liña 1.2 (Campus USC-O Ceao-HULA): a partir das 22:37 horas prolongará o servizo ata as 3:07 horas (Sindicatos). Suprímese o percorrido ao HULA: desde a avenida Benigno Rivera continuará pola avenida Infanta Elena e a avenida Paulo Fabio Máximo, e seguirá o seu percorrido habitual.
• Liña 1.4 (Campus USC-O Ceao-HULA): a partir das 22:42 horas (Obras Públicas) prolongará o servizo ata as 3:12 horas (Obras Públicas). Suprímese o percorrido polo Ceao: dará a volta na avenida Infanta Elena (rotonda das Termas) e seguirá o seu percorrido habitual, que rematará nas Termas.
• Liña 9/12 (Casco Histórico-Abella / Casco Histórico-Polígono das Gándaras): a partir das 22:15 horas prolongará o servizo ata as 3:15 horas (rúa Bolaño Rivadeneira).
• Liña 10/13 (Ronda da Muralla-As Gándaras / Ramón Ferreiro-Cemiterio): a partir das 22:30 horas (As Gándaras) prolongará o servizo ata as 3:00 horas (Cemiterio).
Nas liñas 1.2 e 1.4 suprímese a parada da praza de Bretaña e habilítase unha nova na rúa Celso Emilio Ferreiro, esquina coa avenida de Ramón Ferreiro. Na liña 10/13, a parada da avenida de Ramón Ferreiro fronte ao Instituto Feminino trasládase provisionalmente ao número 14 da mesma avenida.
Desvíos e paradas provisionais
Durante as festas, as liñas afectadas polos cortes de tráfico realizarán os seguintes desvíos:
• Corte na Ronda da Muralla (Porta de Santiago): desvío pola rúa Santiago e a rúa República Argentina, para continuar pola rúa Pintor Corredoira ou pola avenida de Magoi, segundo a liña.
• Corte na avenida de Ramón Ferreiro (Gadis): desvío pola rúa Celso Emilio Ferreiro, para continuar co percorrido habitual.
Habilitaranse tamén tres paradas provisionais: na avenida de Ramón Ferreiro, 14 (esquina coa rúa Pintor Corredoira), na rúa Celso Emilio Ferreiro (esquina coa avenida de Ramón Ferreiro) e na rúa República Argentina, esquina coa rúa Santiago.
O Concello anima a veciñanza a utilizar o transporte público durante o San Froilán, especialmente nas xornadas nas que a circulación poida verse condicionada polos cortes de tráfico.



